Parlamento Galego

BNG denuncia os doce anos que o PP levan falseando os datos das listas de espera coa derivación de pacientes á privada

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira acusa a Sanidade de penalizar as persoas que queren operarse na pública e que directamente van á “lista negra” sen garantías nin dereitos

“Estar máis dun ano agardando por unha ecografía abdominal non é calidade asistencial. É desleixo puro e duro e pouco menos que insultante”

A portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG, Iria Carreira, denunciou no Pleno que a Xunta do PP leva cando menos doce anos falseando os datos das listas de espera, que non recollen ás e os pacientes que son derivados á privada e que, por diferentes motivos, rexeiten esta opción e pidan ser tratadas na pública.

“Coa aprobación da lei de garantías de prestacións sanitarias, vostedes viron unha oportunidade dourada para fortalecer a sanidade privada, e así, levan 12 anos derivando pacientes para a realización de cirurxías, para facer probas complementarias, até a punto de que hai cirurxías ou probas que practicamente non se realizan na sanidade pública”, denunciou Carreira, que cualificou de “xogo perverso” a xestión que fai a Consellería das listas de agarda.

Denunciou, neste sentido, que aquelas persoas que non aceptan ser atendidas na privada pasan a unha “lista negra” sen “ningún tipo de garantía nin dereito recoñecido”, e que a Xunta oculta sistematicamente cantas usuarias e usuarios hai nesta situación. “Non sabemos cantas persoas hai nesa situación. Non o sabemos nós, non o saben as profesionais que as tratan e tampouco o saben as pacientes”, asegurou, criticando neste sentido que a Xunta inclúa co seu deber de facilitar ao Parlamento a información requirida polo artigo 9 do Regulamento.

Nunha interpelación ao conselleiro Antonio Gómez Caamaño, a deputada do BNG referiuse ás listas de espera, as oficiais, como “unha mostra máis do desastre da política sanitaria” do PP e subliñou que, segundo os datos máis recentes, a finais de 2024 había 48.335 persoas agardando por unha cirurxía, 196.267 persoas agardando por unha 1ª consulta hospitalaria, e 113.606 persoas agardando por unha proba complementaria.

“Detrás destes datos hai nomes e apelidos, hai caras, hai malestares e hai patoloxías que a sanidade pública non está atendendo como debera”, sinalou logo de poñer enriba da mesa outros datos de pacientes que levan máis dun ano agardando, como o das 363 para unha consulta de cardioloxía no hospital da Mariña, as 1.036 para unha endoscopia dixestiva no Chuac, as 305 para un estudo de alerxia, as 327 para un estudo respiratorio ou as 119 para unha endoscopia otorrinolaringolóxica en Vigo.  “Estar máis dun ano nunha lista de espera non é calidade asistencial, é desleixo puro e duro; que haxa persoas que agardan máis dun ano por unha ecografía abdominal é pouco menos que insultante”, sostivo ao respecto.

Con algunha melloría e tamén con empeoramentos respecto a anteriores semestres, Iria Carreira asegurou que “o máis grave” respecto ás demoras na sanidade é que o Sergas non foi quen de recuperarse despois da pandemia da covid, posto que agora hai 12.615 persoas máis agardando por unha cirurxía, 28.630 máis por unha proba diagnóstica ou  29.440 esperando por unha primeira consulta nun hospital. O tempo medio de espera para unha cirurxía é 12,6 días maior, 19,3 días máis para unha primeira consulta hospitalaria.

Carreira contrapuxo estes datos ás previsións que a propia Xunta do PP se marcou en xaneiro de 2023 ao anunciar un programa de intensificación da actividade asistencial para mellorar as listas de agarda en mellorar os datos de 2019, previos á pandemia, reducindo a espera media nun 23 % e nun 26 % para unha operación.

 “Desde aquela ata hoxe nada se soubo”, lamentou, reclamando máis unha vez medidas para “atender ao desbordamento” das listas de espera.

Xa na quenda de réplica, a deputada lamentou que o conselleiro de Sanidade cualificase de “fantasía catrastrofista” a súa exposición. “É unha fantasía catastrofista que unha persoa con tratamento quimioterápico a seguemento en oncología teña aínda pendiente de realizar unha resonancia magnética pedida en marzo de 2024?”, interpeloulle.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG