O BNG denunciou a convocatoria fraudulenta por parte do SERGAS e da Consellería de Sanidade para cubrir a praza de xefatura do servizo de cirurxía cardiovascular do CHUS, e pide a dimisión inmediata da xerente da EOXI de Santiago de Compostela, Eloina Núñez, ou ben que sexa cesada por parte do titular do departamento de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a quen pedirá explicacións no Parlamento.
O DOG do 5 de outubro de 2018 publicaba o anuncio para a provisión da citada praza polo procedemento de avaliación colexiada e recollía as bases da convocatoria, entre elas a presentación dun proxecto técnico relacionado coa xestión do servizo, incluíndo un programa de obxectivos do mesmo, -cuantitativos e cualitativos-, seguindo as especificacións que se recollían no Anexo I da convocatoria.
Tal e como explicou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, “a sorpresa foi maiúscula” cando ao ir consultar ese anexo os e as profesionais que querían postularse descubrían que xa contiña un proxecto técnico concreto redactado en primeira persoa en moitos dos seus apartados, incluíndo unha mención específica a un profesional e aos seus méritos que logo se presentaría á praza.
En conclusión, denunciou Prado, “o SERGAS convocou unha praza sabendo de antemán a quen lla vai a dar o que, ademais de vulnerar a legalidade, supón un engano aos profesionais que pretendían optar a ese posto”. “Unha praza supostamente convocada en libre concorrencia non era máis que unha fraude que enmascaraba unha adxudicación a dedo”, recalcou.
Prado deixou claro que non se trata dunha denuncia contra ningún profesional concreto. A denuncia vai contra a práctica do Goberno de Feixóo de nomear a dedo aos cargos de responsabilidade, “baixo o disfrace de pseudo-convocatorias públicas”, e cun obxectivo claro: “Colocar a persoas afíns e de confianza para aplicar a política de recortes e de privatizacións do PP que está provocando un deterioro alarmante da sanidade pública e mesmo poñendo en risco o dereito á saúde dos galegos e das galegas”, explicou a deputada nacionalista.
“Desde o BNG denunciamos esta convocatoria porque é un escándalo e porque non estamos dispostos a aceptar que o PP normalice este xeito mafioso de facer nomeamentos actuando na administración pública como se fose a súa leira particular”, concluíu Prado.
A portavoz de sanidade avanzou que o grupo parlamentario pedirá a comparecencia do conselleiro Vázquez Almuíña para que dea explicacións sobre as irregularidades detectadas nesta convocatoria, e demanda o cese inmediato da xerente da EOXI de Santiago asinante das bases da convocatoria, “por moi curmá que sexa do señor Feixóo”, se esta non presenta a súa dimisión.
Tras detectar as irregularidades no proceso de convocatoria da praza no CHUS, o SERGAS tentou encubrir a fraude cunha substitución da documentación, cando o que establece a legalidade é que se hai erros deben subsanarse pero mantendo no DOG a versión orixinal ao lado da corrixida. Tense presentado un recurso de alzada contra este proceso de selección e a praza convocada pendente de adxudicación.