A portavoz parlamentaria de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira, amosou a fonda preocupación do BNG polo “caos sanitario” no que se atopa Galiza e que, segundo recalcou, esixe a posta en marcha de medidas urxentes que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe concretar no Parlamento galego.
Neste sentido, lembrou que o Bloque xa ten solicitada a comparecencia urxente de Rueda na Cámara para que dea explicacións polo triste falecemento dunha muller en Baltar, Sanxenxo, logo de solicitar o servizo dunha ambulancia que non chegou a recibir. “O presidente da Xunta ten que dar conta do sucedido e tamén ten que dar conta do caos sanitario que está a atravesando Galiza e explicar cales son as medidas que se van poñer en marcha para solucionar esta crise que ten ao noso sistema sanitario nunha situación de grave colapso”, incidiu.
Carreira advertiu que o sucedido en Sanxenxo é “un feito gravísimo” que se vén sumar a outros casos previos “porque non é a primeira vez que sucede algo similar”. Así, recordou o falecemento en Moaña, en xaneiro, mentres agardaba por unha ambulancia ou o traslado en padiola o pasado mes de maio dunha paciente no Rosal porque non había ambulancias dispoñibles.
“Son exemplos da gravísima situación que atravesa a sanidade pública galega despois de máis dunha década das políticas do PP”, reprochou, para alertar a continuación sobre o colapso dos servizos de urxencias que se repite sistematicamente en todos os hospitais do País ou unhas listas de espera desbordadas, “sen que exista ningún plan específico para a súa redución”.
A deputada nacionalista recordou neste sentido que as últimas listas publicadas polo Sergas, a 31 de decembro de 2021, rexistraban xa máis de 40.000 pacientes agardando por unha cirurxía -“das cales máis de 500, levan agardando máis dun ano”, incidiu-, mentres que máis de 85.000 agardan por unha proba diagnóstica, cifras que, segundo advertiu, “só fan referencia ás listas de espera estruturais, porque hai outras non estruturais que o Sergas se nega a facer públicas, a pesar das múltiples demandas que temos feito a este respecto”.
A isto sumou, a situación da Atención Primaria, “totalmente colapsada”, con doentes con grandes dificultades para solicitar cita no seu centro de saúde, con múltiples centros ao longo e largo de todo o País que, como o de Baltar, en Sanxenxo, teñen suspendida “de facto a súa actividade ata setembro porque as e os pacientes non teñen ocos para solicitar cita polo seu médico ou médica de Atención Primaria”.
Neste contexto, Carreira fixo fincapé tamén no desbordamento que sofren as e os profesionais da Atención Primaria “cunha carga laboral inxente, que teñen que prolongar a súa xornada laboral en moitas ocasións ou ás e aos que se lles chegan a denegar as vacacións”, o que, segundo recalcou, se traduce en que “máis do 50% das e dos profesionais que rematan a súa especialidade en medicina familiar e comunitaria non quedan a traballar na Atención Primaria galega”.
“Temos unha Atención Primaria infradotada, que non ten nin medios materiais nin profesionais suficientes e que, sen embargo, padece un recorte orzamentario de 47 millóns de euros en relación a 2009”, afirmou, para engadir a continuación que, fronte á falta de medidas efectivas por parte do Goberno do PP, o Bloque si ten alternativas.
Entre elas, insistiu na proposta nacionalista de incrementar o orzamento e poñer en marcha un Plan de Choque para a Atención Primaria, dotado de 200 millóns de euros, que permita, por unha banda, incorporar novos profesionais e, por outra, dotar o primeiro nivel asistencial dos medios materiais necesarios.
De igual xeito, considerou urxente “rematar coa precariedade laboral para evitar que sigan fuxindo profesionais ante as precarias condicións que oferta o Sergas” e, nesta liña, avogou por “sacar todas as prazas vacantes que existen a día de hoxe no sistema sanitario galego”. Por último, tamén defendeu o desenvolvemento das carteiras de servizos propias de cada especialidade e incorporar novas categorías profesionais, o que contribuiría, no inmediato, “a descolapsar a Atención Primaria”.
“Cremos que a situación é moi grave, que o sucedido en Baltar é un exemplo do deterioro da sanidade pública e que son precisas, primeiro explicacións e despois medidas urxentes”, concluíu.