Parlamento Galego

BNG denuncia os beneficios millonarios da concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, “que non é unha ONG”

Óscar Insua
Óscar Insua

O ex conselleiro Vázquez Almuíña non responde á pregunta do Bloque sobre quen escollía ás empresas dos contratos de emerxencia ou menores

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, denunciou os “beneficios millonarios” da empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro grazas o modelo escollido pola Xunta adxudicándolle tanto a obra como a xestión de servizos non sanitarios. Un modelo de colaboración público-privada que, segundo denunciou o Consello de Contas, supuxo un sobrecusto de 470 millóns de euros sobre o que implicaría un contrato tradicional (obra por un lado e servizos polo outro) e que é un dos obxectos de investigación na comisión sobre os chancullos do PP creada no Parlamento a iniciativa do Bloque.

Montse Prado interveu na comisión tras a intervención do representante da empresa concesionaria, Manuel Enrique Nieto Rodiño, a quen reprobou que acudise ao Parlamento para cuestionar a rendibilidade do contrato –“case dixo que era unha ruína para a concesionaria”- e descualificar o traballo dos membros do Consello de Contas. “Vendo a conta de resultados da multinacional á que representa vese claramente que non é unha ONG, que ten beneficios millonarios anuais”, asegurou a deputada nacionalista, que tras escoitar ao comparecente cuestionou os motivos polos que a súa empresa non renuncia a unha concesión á que lle quedan aínda once anos de vixencia.

Montse Prado
Montse Prado

A deputada nacionalista considerou “sorprendente” a actualización do IPC en beneficio da concesionaria e, neste sentido, preguntou ao comparecente se “coñece algún banco que dea un crédito e ademais de cobrar os xuros establecidos no contrato actualice os xuros conforme ao IPC? Aludíu así ao informe do Consello de Contas, segundo o cal hai un aumento continuado do canon que recibe a empresa, canon que se estableceu nun custe máximo de 56 millóns de euros e que no último ano fiscalizado ascendía xa a 71 M€, aínda que no último orzamento da Xunta xa superaba o 80 millóns.

Subliñou, por outra banda, os beneficios que supuxo para a empresa a redución da superficie hospitalaria prevista, denunciada tamén polo órgano fiscalizador, que no seu informe apunta que houbo unha diminución da superficie construída e de servizos sen que isto supuxera unha rebaixa no prezo pagado pola Administración galega, nin pola obra nin pola prestación deses servizos non sanitarios.

No mesmo sentido, Prado destacou os custes que supuxo para as arcas públicas a “bicefalia” na xestión do hospital, coa xerencia hospitalaria por unha banda e a de servizos non sanitarios pola outra, destacando ao respecto que a comida ou a limpeza forman son aspectos cruciais tamén na calidade asistencial que reciben os usuarios e usuarias do Álvaro Cunqueiro.

Prado reprochou a Nieto Rodiño, que neste momento é xerente da multinacional que presta servizos non sanitarios, dixese na comisión que “case lle fixeron un favor aos e ás galegas” por aceptar o contrato do hospital cando a “robustez” da empresa non era tal, pois tal e como recoñeceu na comisión a ex xerente do Sergas e ex conselleira Rocío Mosquera a “robustez” do financiamento garantizouse a través do ICO e do Banco Europeo de Investimentos.    

Almuíña non aclara os contratos con Sibucu

O deputado Oscar Insua foi, pola súa banda o encargado de interrogar ao ex conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña, que rematou a súa comparecencia sen responder ás preguntas formuladas polo BNG, como quen se encargou no Sergas de elixir ás empresas coas que se asinaron os contratos menores e de urxencia antes e despois da  pandemia que están baixo sospeita, como os adxudicados a Sibucu 360, Universal Support, ou Mape Asesores. Tampouco aclarou Almuíña que mobiliario comprou o Sergas e cal a sociedade concesionaria -que debía asumir a maior parte- cando se puxo a andar o novo hospital de Vigo.

“Vostede veu aquí a vender o seu libro”, recriminoulle Insua, lamentando a falta de respostas do ex titular de Sanidade, a quen explicitamente lle preguntou polos contratos asinados con Sibucu, unha empresa que “apareceu de repente en 2020” como distribuidora de máscaras, polo que, ao contrario do que asegurou o comparecente, non podía acreditar solvencia técnica ningunha como provedora deste tipo de material. Foi, precisamente, durante a pandemia cando esta empresa cambiou de obxecto social e empezou a comercializar máscaras.  

 “Falamos dunha empresa que non se dedicaba a servir produtos sanitarios e vostede di que era unha empresa solvente?,. preguntou Insua, que criticou que a Xunta seguise asinando contratos menores con Sibucu 360 despois de mercarlle máscaras por máis de dous millóns de euros e despois de darse a alerta sobre estas pola falta de certificación axeitada. Segundo o Consello de Contas, asináronse 51 contratos menores por valor de 395.936 euros no 2020, outros 25 por 170.000 euros no 2021 e 13 contratos máis no 2022 por 9.625 €.

Oscar Insua deixou claro que o obxecto da comisión non é poñer en cuestión os contratos menores nin de emerxencia, que teñen, dixo, a súa razón de ser para facer fronte a situacións como foi a pandemia. “O que criticamos aquí e o uso fraudulento deste tipo de contratos”, asegurou, referíndose ademais ás conclusións do Consello de Contas sobre o “nulo control” dos servizos xurídicos sobre os contratos de emerxencia.

Por outra banda, o deputado do BNG volveu acusar o PP de “impedir o normal desenvolvemento” da comisión de investigación sobre os chanchullos do PP que, apuntou, “naceu coxa, con irregularidades e vulnerando os dereitos dos deputados e das deputadas polo veto aos comparecentes e á documentación” solicitada para que os galegos e as galegas coñezan a verdade sobre como o Goberno do PP utilizou os seus contratos para favorecer ás súas empresas amigas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG