O deputado do BNG, Daniel Pérez instou ao goberno galego a adoptar medidas urxentes e efectivas para transformar a realidade económica e social derivada dos datos de desemprego do mes de agosto, publicados polo Servizo Público de Emprego Estatal que constatan “un mercado de traballo débil sobre todo para as mulleres e mocidade”.
O nacionalista trasladou varias preguntas ao director xeral de Emprego, Pablo Fernández sobre as previsión da Xunta a respecto dos datos que confirman que a economía galega depende, en grande medida, do sector servizos e turismo. En relación ao mes de xullo, en agosto, explicou, “hai en agosto máis persoas desempregadas no SEPE (+0,22%), mentres descende a afiliación á Seguridade social en 4.217, (-0,4%).
A xuízo do deputado, os datos manifestan “a debilidade do noso mercado laboral”, cunha economía moi dependente dos servizos e de grande estacionalidade ao que sumou o desmoranamento da industria galega. Os datos, reiterou, confirman que o sector servizos está gravemente afectado pola “precariedade, temporalidade e salarios baixos” e dentro desta realidade, as mulleres e a mocidade continúan a seren as persoas máis prexudicadas.
Por outra parte, lembrou que as pensións en Galiza están a ocupar “o vagón de cola” a respecto de Europa e do Estado. Ademais, engadiu, que a Enquisa de Condicións de Vida publicada polo Instituto nacional de Estatística antes do verán advertía que “un de cada catro galegos e galegas está en risco de pobreza ou exclusión social, polo tanto, “o 23,6% da cidadanía galega está nesa situación”.
A maiores, dixo, un 39,1% de galegos e galegas non pode permitirse ir de vacacións, e o 29,3% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos. “É evidente que entre o laboral, social e económico hai vasos comunicantes, que explican a realidade actual da Galiza”, recalcou.
Tras a resposta do director xeral de Emprego, Pablo Fernández que defendeu as políticas laborais da Xunta e ligou o desemprego á situación de crise económica pero incidiu en que Galiza se atopa nun momento de fortaleza no mercado laboral, o deputado do BNG replicou que “ o Goberno galego non pode seguir negando a realidade que viven centos de galegas e galegos, e sobre todo aqueles mozos e mozas e mulleres con grandes dificultades para acceder ao mercado laboral”.
Daniel Pérez subliñou que os indicadores “non son positivos” e o desemprego continúa crecendo dentro dun modelo económico excesivamente dependente do sector servizos cun aumento do paro derivado da estacionalidade e o descenso de visitantes na temporada baixa. Isto, remarcou, “é un claro síntoma de debilidade no mercado laboral galego” e pola resposta da Xunta, afirmou “moito nos tememos que non vai mudar a súa política laboral”, a pesar que dende o ano 2009 até día de hoxe estamos ante unha “caída” da poboación ocupada en todos os sectores e sobre todo na industria.
O deputado criticou que o Plan estratéxico para as empresas responde a “unha declaración de intencións “ porque os datos constatan o contrario, un saldo negativo de Galiza durante 13 anos das taxas de demografía das empresas do sector industrial, é dicir, “morren máis das que se crean”.
O nacionalista concluíu a súa intervención reclamando un cambio nas políticas laborais da Xunta para reverter esta situación e medidas eficaces para favorecer a incorporación da mocidade e das mulleres ao mercado laboral en condicións “dignas” e “xustas” porque a fenda salarial entre homes e mulleres segue sendo unha realidade.