BNG demanda frecuencias e horarios ferroviarios adaptados ás necesidades das persoas usuarias

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego propón recuperar as liñas e frecuencias modificadas coa chegada do AVE a Galiza e primar “as conexións internas e fomentar o uso dun medio de transporte verde”

Reclama unha política tarifaria accesíbel e atractiva para o conxunto dos usuarios e usuarias

O Bloque Nacionalista Galego volve rexistrar iniciativas no Congreso para que o Goberno rectifique a súa política de progresivo desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza. O deputado nacionalista, Néstor Rego, reclama que RENFE repoña os horarios da liña AVANT entre Santiago de Compostela e A Coruña con chegada ás 8.40 horas, así como recuperar tamén ho horario de chegada a Santiago ás 15.30 horas e o primeiro tren das 7 horas da mañá Santiago-Ourense, tal e como demandan as persoas usuarias do servizo.

A chegada do AVE está provocando a supresión e modificación dos servizos ferroviarios nas principais cidades e localidades da Galiza. Estas modificacións, para a organización nacionalista, obedecen á execución dunha política que prima a conexión con Madrid mais que prexudica e impide o uso da rede de transporte ferroviario interno da Galiza, sobre todo a liña do AVANT, para os seus usuarios e usuarias habituais.

Os horarios da liña que une A Coruña con Santiago sufriron novamente alteracións, de forma que o tren que chegaba ás 8:40 pasará a chegar ás 9:03 á Coruña, o que “implica ter que chegar tarde para todos os que deban estar nos seus destinos ás 9 da mañá” expón Rego, “este tren das 8:40 era utilizado diariamente por moitas persoas que traballan ou estudan na Coruña e que entraban ás 9, máis agora deben escoller entre chegar tarde ou saír case unha hora antes”.

Entre as persoas usuarias habituais deste tren das 8:40 encontramos profesorado, persoal sanitario, persoal do comercio ou dos servizos de xulgados ademais e mozos universitarios, que “verán dificultados gravemente os seus desprazamentos en tren, véndose obrigados buscar outras alternativas de transporte”.

“Renfe ten que repoñer os horarios da liña AVANT, tanto Santiago-A Coruña con chegada ás 8.40h, como o antigo horario das 15.30 horas A Coruña-Santiago” reclama o deputado do BNG. Rego tamén sinala a urxencia de rectificar a saída do primeiro tren Santiago- Ourense ás 7 horas da mañá para “adaptar o horario ás necesidades da maioría de viaxeiros e viaxeiras” tal e como se reflicte nas reiteradas denuncias dos usuarias e usuarios das liñas neste sentido.

Para fomentar o uso do ferrocarril, un medio verde e sustentábel e favorecer que se deixe de utilizar o vehículo particular como medio de transporte preferente é preciso adaptar e incrementar os horarios e frecuencias. Ademais é precisa tamén unha verdadeira política tarifaria, reducindo os prezos do billetes para facelos accesíbeis e competitivos, tal e como a formación nacionalista vén reclamando en diversas iniciativas, tanto no Parlamento de Galiza -con acordos unánimes neste sentido- como no Congreso dos Deputados. Debe lembrarse que a liña  AVANT duplicou os prezos desde a súa implantación, converténdose nunha das máis caras do Estado, mais os servizos non experimentaron mellora algunha, ao contrario, sufriron recortes.

“Resulta incomprensíbel que se primen os servizos de conexións con Madrid en detrimento das conexións internas entre as principais cidades e poboacións galegas. É fundamental que deixen de poñerse trabas ao uso do transporte ferroviario” explica Rego. O deputado nacionalista sinala que con estes cambios que impiden conciliar horarios só se conseguen abocar ás persoas usuarias a ter que utilizar o vehículo privado.

En 2007, cabe lembrar, Renfe xa modificara os horarios de forma que o servizo que tiña hora de chegada A Coruña desde Santiago ás 8:40 atrasábase ás 9:15, o que imposibilitaría ás persoas usuarias que se dirixen aos seus postos de traballo ou de estudo chegar a tempo aos mesmos. Naquel momento a mobilización social, canalizada tamén no Senado polo na altura Senador do BNG, Francisco Jorquera, logrou que se rectificase e que a conexión que permitía chegar á Coruña a tempo fose reposta.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG