O BNG volve rexistrar preguntas no Congreso para que o Goberno do Estado responda ante o que parece un cambio de trazado do proxecto de interconexión da Liña de Alta Tensión Fontefría - Portugal após a publicación nun portal de transparencia, que recolle a información publicada pola Comisión Europea, dun novo proxecto. Nesta páxina recóllese que a liña atravesará agora o Concello de Salvaterra de Miño, e de ser así, a organización nacionalista reclama ao executivo estatal que se soliciten de novo os informes ás distintas administración afectadas, unha nova exposición pública do proxecto así como un novo informe sobre o impacto ambiental que provocará.
A organización nacionalista xa rexistrara preguntas sobre este proxecto cando se prevía que atravesase o Concello das Neves e Arbo e demandaba que, desde o MITECO; solicitaran os informes pertinentes á Xunta de Galiza e aos concellos afectados previstos no trazado. Desta maneira, o BNG enfatizaba na necesidade de rexeitar o proxecto posto que as alegacións aportadas sinalaban unha grave afectación na saúde e na calidade de vida da veciñanza, así como un gran impacto sobre o patrimonio natural e patrimonial da zona.
Agora, a páxina web chamada “Climate, Infrastructure and Environment Executive Agency/Energy” (CINEA) publica os proxectos de interese común proporcionando información actualizada sobre a situación xeográfica de todos os proxectos segundo o publicado pola Comisión Europea. Neste sentido, a información recollida sinala que a nova LAT de 400 kV entre Portugal e o Estado español cruzaría a fronteira e o río Miño para atravesar o concello de Salvaterra do Miño.
“Queremos saber se o Goberno do Estado realizou algún cambio no trazado do proxecto de interconexión norte con Portugal que inclúe as subestacións de Covelo e Beariz e as Liñas Asociadas a 400 KV Fontefría-Fronteira portuguesa” explica o deputado do BNG. Rego tamén demanda explicacións ante o que parece un cambio de trazado do proxecto que agora afectaría principalmente ao Concello de Salvaterra de Miño e non polos concellos das Neves e Arbo.
Para a frente nacionalista, se se quere dar cumprimento á lexislación vixente e garantir o respecto aos dereitos dos cidadáns e cidadás dos concellos afectados, “resulta evidente que, calquera cambio no trazado, debería ser comunicado ás administracións e exposto publicamente para permitir a recepción de alegacións”. “A norma esixe a consulta a todas as administracións afectadas e aos particulares interesados, e que a decisión final teña en conta esas alegacións” lembra o deputado nacionalista.
Por iso, da mesma maneira que o Goberno respondeu en 2021 a pregunta formulada polo BNG sinalando que o anterior proxecto estaba a ser sometido a un procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinario, no que se atenderían todas as alegacións presentadas en tempo e forma, a organización nacionalista demanda un novo proceso de consulta. “É necesario que se contacte coas administracións afectadas, solicitando de novo informes así como realizar unha nova exposición pública do proxecto para poder recibir alegacións por parte da veciñanza, entidades sociais e medioambientais” conclúe.