Senado

BNG demanda ao Goberno iniciar as obras de mellora na curva de Trasmañó na N-552 ao seu paso por Redondela

Carme da Silva
Carme da Silva

Ante o retraso do inicio das obras para a mellora do estado do firme, Carme da Silva demanda a Transportes proceder coa máxima celeridade e cumprir con esta actuación declarada de emerxencia por parte da Demarcación de Estradas

A N-552 é a vía de elevada mobilidade utilizada para os desprazamentos entre Redondela e Vigo, unha área metropolitana moi poboada, salienta a senadora do BNG

O BNG, a través da súa senadora Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para demandar a Transportes que inicien as obras de mellora da curva de Trasmañó, na N-552 ao seu paso polo termo municipal de Redondela, o antes posíbel. Despois de que estas actuacións fosen declaradas de emerxencia por parte da Demarcación de Estradas, a organización nacionalista non entende a que se debe o retraso no inicio das obras para a mellora do estado do firme e demanda celeridade.

O estado do firme da N-552, na curva de Trasmañó, entre o Alto da Encarnación e a ponte de Rande, en Redondela, foi obxecto de queixas e reclamacións desde hai máis dun ano. Numerosas fochancas, fendas e outras deficiencias converten esta curva nun punto perigoso para a condución chegando a ser balizada a zona por parte da Demarcación de Estradas do Estado hai catro meses e mesmo declarándoa como obra de emerxencia.

“Con todo, esta actuación está aínda pendente de licitación. Catro meses despois de balizarse a zona, entendemos que estas obras deberan ser a continuación da mellora da estrada unha vez que se concluíu en abril do pasado ano o asfaltado da rotonda de acceso á AP9 á altura da ponte de Rande en Cabanas” sinala Carme da Silva.

Cabe destacar, engade a senadora nacionalista, que a N-552 é a vía empregada para os desprazamentos entre Redondela e Vigo polo que, sendo unha área metropolitana moi poboada e con elevados fluxos de circulación, a día de hoxe constitúese como unha vía de elevada mobilidade.

“Queremos que o Ministerio de Transportes explique a que se debe o retraso das obras para a mellora do estado firme da N-552 na curva de Trasmañó, entre o Alto da Encarnación e a Ponte de Rande e mesmo cando se van iniciar estas actuacións que foron declaradas de emerxencia por parte da Demarcación de Estradas” subliña a senadora.

O mal estado da curva de Trasmañó, de facto, foi obxecto de estudo por parte da Dirección Xeral de Estradas que procedeu á sinalización do tramo e o desprazamento dos carrís, suprimindo a beiravía da marxe máis próxima á AP9 para que o tráfico evite a zona das fochancas. Ademais, reduciuse a velocidade neste tramo a 40 km/h o que está a afectar gravemente á mobilidade diaria e a centos de persoas usuarias da vía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG