BNG defende reformar a Lei de Propiedade Horizontal e garantir a accesibilidade universal nas vivendas

Carme da Silva
Carme da Silva

A senadora do BNG sostén a necesidade de levar a cabo políticas transversais que garantan a inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos

“É preciso garantir a accesibilidade universal nos edificios e vivendas para avanzar na desinstitucionalización e nos dereitos das persoas con discapacidade” defende

Creación dun Fondo estatal para garantir a accesibilidade en todos os edificios e modificar a Lei de Propiedade Horizontal: medidas do BNG

O problema de accesibilidade na vivenda para persoas con discapacidade centra o rexistro de novas iniciativas por parte do Bloque Nacionalista Galego nas Cortes de Estado. No concreto, a senadora do BNG vén de demandar ao Goberno que impulse unha modificación na Lei de Propiedade Horizontal co obxectivo de garantir a accesibilidade universal á vivenda e aprobar un Fondo estatal que garanta a accesibilidade en todos os edificios onde existan situacións de imposibilidade de asunción de gastos por parte da veciñanza.

A vivenda figura como unha das principais preocupacións sociais actualmente, e no caso das persoas con discapacidade, esta preocupación é dobre. De facto, o problema de accesibilidade na vivenda incide negativamente tamén na posibilidade de manter relacións de amizade, sociais ou mesmo de lecer. “É preciso garantir a accesibilidade universal nos edificios e vivendas para avanzar na desinstitucionalización e nos dereitos das persoas con discapacidade” afirma a senadora do BNG.

Para Carme da Silva, o Goberno do Estado debe atender o problema de illamento social e soidade que sofren preto de 100.000 persoas con discapacidade ou mobilidade reducida por non poder saír das súas casas debido á falta de accesibilidade porque carecen de ascensores ou de instrumentos que lles permita moverse fóra dos seus pisos, segundo a Fundación Mutua de Propietarios.

Esta proposta, defendida polo BNG, concorda coas demandas que asociacións e organizacións como CERMI formulan ás administracións públicas, como a eliminación do límite de doce mensualidades correntes para que as comunidades de veciños teñan que asumir os gastos derivados das obras de accesibilidade que estabelece a Lei de propiedade horizontal. Paralelamente, a organización nacionalista propón a aprobación dun Fondo estatal “para garantir a accesibilidade en todos os edificios cando existan situacións de imposibilidade de asunción dos gastos correspondentes por parte de persoas con poucos recursos económicos”.

“En torno a 70% dos edificios de vivendas verticais non son accesíbeis de forma universal por carecer de ascensores, ramplas, sinalización para persoas cegar ou conter demasiadas barreiras arquitectónicas” incide a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva tamén quere coñecer se existe un grupo de traballo interministerial con asociacións de atención a persoas con discapacidade para abordar esta situación e, de existir, quere saber en que estado están os citados traballos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG