BNG defende no pleno do Congreso a suba das pensións mínimas

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego denuncia os novos recortes do Goberno español e defende as pensións públicas  e a  recuperación de dereitos

Considera imprescindíbel o incremento das mínimas para equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional, na perspectiva de chegar nos próximos anos a 60% do Salario Medio para superar as fendas de xénero e territorial

No marco do debate dos Orzamentos do Estado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende no pleno da cámara baixa unha emenda para incrementar as pensións mínimas para equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional, como única maneira de ir reducindo as fendas de xénero e territoriais. O deputado nacionalista lembra que a Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado. Aliás, advirte contra os novos recortes anunciados polo executivo estatal.

Néstor Rego avanza que, para o BNG, os Orzamentos do Estado ficaron curtos en canto a políticas sociais e, particularmente, en relación ás pensións. O deputado nacionalista considera lóxico garantir o poder adquisitivo conforme ao IPC, máis advirte que simultaneamente é imprescindíbel aumentar as pensións mínimas para situalas á par do SMI e progresivamente ir aumentando ambos até 60% do Salario Medio “tal e como estabelece a Carta Social Europea”. Este aumento contribuiría a superar as fendas existentes: por unha banda, a fenda de xénero que existe en todo o Estado, posto que as mulleres cobran en maior porcentaxe a pensións mínima; e, por outra banda, a fenda territorial.

“Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado. Ourense é a provincia que posúe as máis baixas, pouco por enriba de 800 €, é dicir: máis de 500 euros menos que a media de Madrid ou máis de 600 euros menos que a media provincial máis alta” lembra Rego.

Así mesmo, Rego alerta de novos recortes anunciados polo Goberno. “O proxecto que de Lei que vén de ser aprobado na Comisión de Traballo e Seguranza Social non só non reverte, senón que consolida os aspectos máis lesivos das reformas anteriores: aumento da idade de xubilación até 67 anos e do período de cálculo de 15 para 25anos. Agora anuncian novos recortes, porque aumentar de novo o período de cálculo a 35 anos suporá unha baixada nas prestacións de entre 6 e 10%, unha medida antisocial totalmente inasumíbel”, sinala.

“Queremos pensións dignas e por iso reclamamos que se revertan os recortes nas pensións aplicados en 2011 e 2013 e que sexan freados os previstos na nova reforma, para avanzar nun sistema de pensións xusto e de futuro” enfatiza Rego. Entre as reivindicacións da formación nacionalista destacan a de recuperar a xubilación aos 65 anos, reducir o período de cálculo a 10 anos e favorecer a xubilación anticipada con 40 anos de cotización sen que exista penalización, mesmo coa ollada posta en 35 anos cotizados.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG