A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para impulsar a modernización do tramo Monforte-Ponferrada e mellorar o transporte ferroviario na comarca de Valdeorras. A organización nacionalista sinala a necesidade de incrementar os servizos e dotalos do persoal suficiente para asegurar un transporte adecuado e contribuír á dinamización social e económica do Ourense oriental.
"Non podemos permitir que Valdeorras continúe a padecer un agravio en materia de infraestruturas ferroviarias que limita a súa capacidade de desenvolvemento económico e a mobilidade da súa veciñanza" manifesta Carme da Silva. "Por iso, preguntamos ao Ministerio de Transportes que investimentos ten previsto realizar a curto e medio prazo para avanzar na modernización da liña Monforte-Ponferrada, fundamental para garantir a conexión nesta comarca entre si e co resto do país" engade.
A senadora nacionalista recordou que o pasado 26 de novembro reabriuse ao tráfico ferroviario a liña Monforte-Ourense despois de dous anos de obras para a súa modernización e electrificación grazas ao Acordo de Investidura conseguido polo BNG na anterior lexislatura. Con todo, o BNG insiste en que é imprescindible acometer melloras no tramo entre Ourense e Ponferrada-León para incrementar os servizos e a calidade do transporte ferroviario en Valdeorras.
"Até o de agora só se coñece o anuncio do Ministerio de Transportes, en xuño do ano pasado, para a redacción dun estudo de viabilidade sobre o tramo León-Ponferrada, mais non hai ningunha concreción sobre o tramo que atravesa Valdeorras” subliña da Silva. "Hai que ter en conta que a conexión Monforte-León está incluída no Corredor Atlántico para o transporte de mercadorías, pero apenas recibiu investimentos malia contar con partidas orzamentarias" lembra a senadora do BNG.
Neste sentido, Da Silva insiste na importancia de que o Ministerio destine as partidas orzamentarias necesarias para incrementar as frecuencias e servizos ferroviarios na comarca, especialmente entre O Barco de Valdeorras e Ourense, que actualmente conta con só dous servizos diarios, insuficientes para cubrir as necesidades da poboación.
"Defendemos a modernización urxente do tramo Monforte-Ponferrada, acompañada dun incremento de servizos e da dotación de persoal suficiente. Só así poderemos asegurar un transporte ferroviario digno e eficaz, contribuíndo á vertebración territorial e ao impulso económico de Valdeorras" conclúe a senadora do BNG.