O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas sobre a reconstrución do paso elevado sobre a N-120 ao seu paso por Veigamuiños, no termo municipal do Barco de Valdeorras. A senadora do BNG, Carme da Silva, demanda ao Ministerio de Transportes atender a demanda veciñal e contemplar, durante as obras do paso elevado, pasos peonís e beirarrúas que melloren a seguranza viaria e non sexa un tramo específico para vehículos.
A reconstrución do paso elevado sobre a N-120, no quilómetro 456, no núcleo de poboación do Barco de Valdeorras de Veigamuiños sorprendeu a veciñanza por non incluír beirarrúas para o tránsito de viandantes. Estas obras son a consecuencia dun vehículo que, en maio de 2024, provocou importantes danos estruturais nesta infraestrutura.
“Sorprendentemente, as obras de reconstrución do paso elevado non contempla a disposición de beirarrúas a pesar de que se ensanchou a calzada” sinala a senadora do BNG. Carme da Silva sinala que esta carencia prexudica enormemente a veciñanza de Veigamuiños que utilizaban esta infraestrutura para atravesar dun lado ao outro. Neste sentido, da Silva defende a necesidade de que o Ministerio atenda a demanda da veciñanza para que as obras do paso elevado contemplen a instalación de pasos específicos e a instalación de beirarrúas.
Actualmente, enfatiza a senadora do BNG, a infraestrutura está inacabada e falta levar a cabo o asfaltado da calzada. “Cremos que hai marxe para que o Ministerio rectifique e dispoña de elementos necesarios que permitan mellorar a seguranza viaria e permita o tránsito dos peóns. “A veciñanza da zona xa formulou a posibilidade de pintar pasos específicos nos puntos que xa estaban instalados con anterioridade” subliña Carme da Silva.