Senado

BNG defende mellorar as infraestruturas viarias e ferroviarias de Valdeorras por ser “estratéxicas para a comarca”

Carme da Silva en Valdeorras
Carme da Silva en Valdeorras

Carme da Silva propón reverter o illamento que está a sufrir a comarca de Valdeorras e urxe actuacións na N-120 e a recuperación dos servizos ferroviarios

María G. Albert: “Ten que existir vías de comunicación que tamén permitan que a veciñanza poida desenvolver o seu proxecto de vida aquí”.

A senadora do BNG visita a comarca de Valdeorras e traslada a necesidade de mellorar as principais vías de comunicación para favorecer o desenvolvemento social e económico da zona, así como reverter o despoboamento que está a sufrir. Carme da Silva cualifica de estratéxicas as infraestruturas viarias e ferroviarias existentes que permiten comunicar a comarca de Valdeorras con Ourense e o resto do País e defende “mellorar a N-120 como principal vía de comunicación por estrada”, así como recuperar as frecuencias ferroviarias que existían con anterioridade e se adecúen os servizos ás necesidades actuais nas estacións do Barco e da Rúa de Valdeorras.

Carme da Silva estivo acompañada pola alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, así como polo deputado provincial, Xosé Manuel Puga, o deputado no Parlamento de Galiza, Secundino Fernández, o voceiro do BNG no Concello do Barco de Valdeorras, Manuel Agra, e outros cargos orgánicos da formación nacionalista na comarca do oriente ourensá.

María G. Albert, alcaldesa da Rúa, sinala que para o BNG unhas vías de comunicacións dignas para a comarca de Valdeorras son “estratéxicas”, tanto do punto de vista social como do tecido empresarial. “Queremos que Valdeorras sobreviva e para iso é fundamental ter unhas comunicacións –viarias e ferroviarias- dignas que nos permitan comunicarnos co resto do País, e principalmente con Ourense á que temos que acudir cada vez máis pola diminución de servizos na comarca” reivindicou.

Sendo unha comarca como esta, incide a alcaldesa nacionalista, cunha gran potencia industrial “ten que existir vías de comunicación que tamén permitan que a veciñanza poida desenvolver o seu proxecto de vida aquí”.

Infraestruturas viarias: o arranxo da N-120 como vía principal

“A N-120 é a principal vía de comunicación por estrada que ten a comarca de Valdeorras e precisa dunha mellora urxente. Tendo unha actividade económica tan importante e sendo empregada tamén para atender a determinado tipo de asistencia hai que resolver esta cuestión” afirma a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva, apunta que para o Ministerio de Transportes –carteira encargada deste tipo de actuacións que manexa un orzamento elevado- podería “mellorar substancialmente” esta infraestrutura sen grandes esforzos económicos, comparándoo coas grandes cantidades económicas que se destinan a outros proxectos para a creación de novas infraestruturas.

Rexurdir o ferrocarril: de apeadeiros a estacións

“As decisións políticas cámbianse por decisións políticas e, neste sentido, é importante que o BNG teña peso nas Cortes do Estado para poder tirar para que os problemas de Galiza se resolvan. O lóxico é que o ferrocarril sexa estratéxico e, cando rematen as obras, estas estacións de ferrocarril –do Barco e da Rúa de Valdeorras- se recuperen as frecuencias que había e se adecúen os servizos ás necesidades actuais” defende Carme da Silva.

Neste momento, continúa a senadora nacionalista, en que se está a falar da emerxencia climática e a descarbonización da economía, unha parte da descarbonización é a do transporte: “a infraestrutura ferroviaria xa existe, hai que darlle as frecuencias ferroviarias necesarias para que o ferrocarril sexa a forma de comunicación desta comarca máis habitual”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG