O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu no pleno do Congreso unha emenda á totalidade ao ‘Proxecto de Lei para o impulso dos plans de pensións de emprego’ co obxectivo de que se garanta un sistema público de repartición e solidario frente á proposta, que abre a porta a un modelo de capitalización de xestión privada. Rego reclama, nesta terceira das grandes reformas regresivas do executivo, mudar o rumbo “para blindar o sistema público de pensións como un dereito fundamental”.
“Presentamos esta emenda en defensa do sistema público de pensións, que debe ser fortalecido e garantido” comeza o deputado nacionalista durante a intervención para xustificar a presentación da emenda á totalidade ao Proxecto de Lei para o impulso dos “Plan de Pensións de Emprego”. Un modelo que, alerta Rego, abre o camiño a un horizonte de substitución do sistema público de repartición, solidario, por un modelo de capitalización de xestión privada.
A organización nacionalista “non pode compartir unha reforma que asegura o negocio para as entidades financeiras, mentres que se reducen os ingresos da Seguranza Social, para fomentar un sistema que minará a sustentabilidade do sistema público de pensións”. A xuízo do BNG, deberíase actuar “na creación de emprego, en reducir tempo de traballo para repartir mellor, en mellorar os salarios”. Con isto conseguiríase un incremento dos ingresos que asegurarían estabilidade, garantía de solidariedade e redistribución propias do sistema público de pensións.
En opinión do deputado do BNG, moitas das actuacións que está a desenvolver este Goberno en materia de políticas sociais distan de camiñar na boa dirección. “É evidente que estamos diante dun paquete de reformas que non compartimos pero que teñen explicación. A Unión Europea condiciona a posta en marcha de novas reformas baseadas en políticas neoliberais e consolidar as xa existentes” apunta Rego. Iso, mentres que o executivo estatal non analiza se as medidas supoñen deteriorar de novo o sistema público de benestar.
Despois de aprobarse a reforma fiscal no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a aprobación, hai tan só unhas semanas da Reforma Laboral, a terceira das grandes reformas é a das pensións. “O BNG rexeita o horizonte en que, sen dúbida, os gurús do neoliberalismo se verían satisfeitos: un modelo en que os sistemas de capitalización -privados ou de empresa- fosen o soporte principal e as pensións públicas o complementario, realmente cun carácter asistencial” postula o deputado na súa intervención.
“A deterioración do sistema público de pensións é unha premisa para que se poidan estender os sistemas de pensións de capitalización. Por iso alertamos tamén sobre o feito de que o fomento dos sistemas complementarios da negociación colectiva, acaben desembocando co tempo en establecelo como substitutivo” denuncia o deputado do BNG.
A norma, ademais, crea un fondo de emprego “impulsado” desde o sector público pero que será xestionado polo sector privado. “A xestión destes fondos podería ser realizada pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e podería realizarse mesmo de forma descentralizada, dando cumprimento, no caso galego, ao estabelecido no artigo 33 do Estatuto de Autonomía que prevé transferir á Administración Galega a xestión da Seguranza Social na Galiza” evidencia o deputado nacionalista.
Aliás, Rego sinala que o mecanismo previsto, a través da negociación colectiva, implica introducir “un grave factor de desigualdade entre as persoas traballadoras, pois é evidente que non vai resultar igual en grandes empresas ou en sectores como o industrial que noutros máis desarticulados como o comercio ou a hostalería. Xa non digamos en sectores moi precarizados como o dos servizos no fogar, que non poderán acceder a eles”.
“Estes Plans de Pensións constitúen un salario diferido. É especialmente grave o feito de que, na actual situación de crise económica, con alta precariedade laboral e baixas retribucións, se aposte por diferir parte do salario á idade de xubilación, retribución que se deixa de percibir no momento actual e pola que tamén se deixa de cotizar á Seguranza Social” expón Rego. A achega ao plan suporá percibir un salario menor, resultando “especialmente traumático para os sectores de poboación con ingresos medios e baixos”.
Rego acrecenta que ademais, ao cotizar por un salario menor, o traballador ou traballadora tambén vai acceder a unha pensión pública menor. “Estamos falando, por tanto, do deterioro do poder adquisitivo das pensións público”.
“Máis grave aínda é que se avanzou publicamente a posibilidade de que o Estado achegase fondos para fomentar estes sistemas complementarios. Isto, a maiores dos ingresos que deixaría de percibir por unha parte de salario que non cotiza, posíbeis bonificacións das cotizacións empresariais ou deducións fiscais” denuncia.
A realidade, segundo explica Rego, é que se pretende integrar un segundo piar dentro do sistema, para posteriormente, á medida que a taxa de substitución baixe por devaluarse o sistema público de pensións, seguir fomentando tamén o chamado terceiro piar que é o dos mecanismos de aforro individual, é dicir, os plans puramente privados de pensións.
A confrontación entre un sistema de repartición e outro mixto quere camiñar cara á existencia dun nivel asistencial básico ou mínimo e un nivel de tipo profesional que vaia capitalizándose coas achegas que se fan. Por iso todas as anteriores reformas trataron de reforzar o carácter contributivo, diluíndo desde dentro, o carácter solidario do actual sistema público de repartición. En definitiva, abandonar progresivamente o criterio da solidariedade interna e buscar a máxima adecuación entre contribuínte e prestación.
“A promoción de pública de plans de pensións, sexan mixtos ou privados, en detrimento e prexuízo do sistema público de pensións non é o camiño adecuado. Neste momento debe apostarse por reforzar e mellorar o sistema público, única vía se verdadeiramente se defenden políticas de esquerda para asegurar o benestar das traballadoras e traballadores, das clases populares e dos pobos” conclúe.