O deputado do BNG, Luís Bará afeou hoxe á Xunta de presumir da Lei Paz Andrade cando en realidade, “non existe sequera un balance da súa aplicación para impulsar os vínculos de Galiza coa lusofonía”.
Neste sentido, cualificou a aplicación da lei de “insuficiente” e lembrou que mentres a Secretaria Xeral de Política Lingüística cifra en “5.000 estudantes de portugués no noso país ” repartidos en centros de secundaria e escolas de idiomas, en Estremadura hai máis de “20.000”. Esta comparativa, dixo, “é demoledora” nunha poboación de 2,7 millóns de galegos e galegas fronte ao millón de Estremadura. “Tres de cada catro estudantes de portugués no Estado español está nesta comunidade” e a razón para que sexa así é porque hai unha política para fomentar o portugués e sobre todo porque é unha grande oportunidade no aspecto económico.
En Galiza, criticou, o nacionalista a aposta polo idioma portugués “é menor” porque o PP non se atreve a pasar o Douro pero dende o BNG, “queremos chegar a Lisboa e aos países da lusofonía” e cunha estratexia de país de relación con Portugal para pensar “Galiza en grande” e non reducila á Eurorexión, co fin de conseguir fondos europeos.
Na súa intervención, o deputado do BNG defendeu entre outras propostas: desenvolver de maneira integral a Lei Paz Andrade para cumprir os obxectivos pola que foi creada, poñer en marcha un Plan de actuación para a lusofonía, desenvolver a creación do observatorio da lusofonía integrando aos diferentes axentes e cunha planificación de actividades, contar cunha delegación do goberno galego en Lisboa. Galiza, engadiu Bará, debe participar nos foros lusófonos e sobre todo, fomentar o ensino portugués no ensino obrigatorio e no resto da sociedade para chegar a “20.000 estudantes de portugués en catro anos”. Nesta liña, demandou “multiplicar por 10 a oferta de prazas de portugués nas oposicións e campañas institucionais nos medios de comunicación e centros de ensino para promocionar o portugués como segunda lingua estranxeira, esí como xerar cursos de portugués destinados a diferentes sectores e colectivos, como está a facer Estremadura “cun gran éxito”.
Bará demandou a creación dun espazo de cultura e comunicación galego-portugués centrado na “interrecepción das televisións públicas” con intercambio de programacións, coproducións e contidos e o intercambio cultural en redes de programación cultural máis alá da Euro rexión para acceder ás axudas europeas.
O parlamentario do BNG convidou ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García a reactivar o desenvolvemento da Lei Paz Andade para non convertela “nunha declaración de boas intencións” e “unha asignatura pendente” en Galiza. A Xunta, recalcou, debe fixar obxectivos, prioridades e liñas de actuación para non quedar atrás no fomento da lingua portuguesa e no reforzo dos vínculos coa lusofonía.
A lingua portuguesa, reiterou Luís Bará é “unha grande oportunidade” para que Galiza estableza relacións culturais e económicas cos países lusófonos.