O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, desvelou a existencia dun “acordo político” asinado xa en septembro de 2021 entre Xunta e Altri para a implantación da macrocelulosa na comarca da Ulloa. Un acordo que se mantén oculto pero do que hai constancia no Memorandun de entendemento entre Altri e a Sociedade Impulsa que a pasteira lusa trasladou ao seu consello de administración e ao organismo supervisor de Portugal.
“Fraguouse un acordo político e a partir de aí todo o que está vindo despois está atado e ben atado, amañado e con todo tipo de irregularidades para un final que vai ser a aprobación do proxecto, a autorización ambiental integrada e a declaración de impacto ambiental favorable”, denunciou Bará, que lembrou que no consello de administración da Sociedade Impulsa séntanse tres conselleiros do Goberno galego.
O acordo entre o Executivo de Rueda e a pasteira portuguesa ten, explicou, dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, a implantación de macrocelulosa na Ulloa “con todas as bendicións do PP” e, en segundo lugar, garantir o abastecemento de eucalipto dende Galiza para facer fronte, deste xeito, á moratoria de Portugal, que prohibiu até o 2030 a plantación de esta especie.
É por iso que Galiza corre o risco de sufrir unha “segunda onda eucaliptizadora” que, segundo vaticinou Bará, será “devastadora” polos intereses de grandes empresas lusas como Altri ou Navigator por fornecerse de materia prima, prexudicando gravemente os intereses do noso País e do sector forestal galego, máis en concreto da cadea de valor do piñeiro, que move máis de 800 millóns de euros, “infinitamente moito máis do que move o eucalipto”.
Bará contrapuxo o modelo do BNG, “autocentrado” para desenvolver os nosos sectores produtivos e para que os beneficios da nosa riqueza queden en Galiza, e o “modelo dependente” do PP, “que pon a alfombra vermella a grandes grupos económicos para espoliar a riqueza do noso País con proxectos de industria de enclave, como o de Altri”, proxectos incluso cuestionados nas Directrices de Ordenación do Territorio, precisou.
O deputado nacionalista asegurou ademais de papel clave que tiveron “as portas xiratorias do PP” no acordo asinado para favorecer dende a Xunta a implantación dunha auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza. Referiuse así a alianza de Altri e Greenalia, empresa que senta no seu consello de administración á ex conselleira Beatriz Mato e ao ex conselleiro Antonio Couceiro. Segundo dixo, Altri xurdiu de maneira “un tanto estraña e apresurada” como segunda opción para desenvolver o Proxecto tractor de Xestión Sostible dos Bosques Galegos impulsado pola Sociedade Impulsa e orixe do plan para a Ulloa.
Unha xestoría ao servizo das grandes empresas espoliadoras
“Todo vai cadrando”, considerou Bará, para a continuación denunciar “o papel de Alfonso Rueda como delegado de Altri no Consello da Xunta e o papel da Xunta como xestoría o servizo das grandes empresas que pretenden espoliar a nosa riqueza e os nosos recursos naturais”, empresas ás que se lles pon a “alfombra vermella” mediante accións lexislativas, administrativas e tamén de financiamento.
Bará fixo estas declaracións despois da reunión da Xunta de Portavoces no Pleno do Parlamento, no que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polos seus plans sobre Altri despois de que o PP vetase a comparecencia urxente que solicitaron os deputados nacionalistas para que dese explicacións as galegas e os galegos sobre as ”irregularidades” na tramitación do proxecto.
Trato de favor á universidade privada de Abanca
O BNG tamén levará o próximo Pleno o “trato de favor” a Abanca, socio estratéxico da Xunta na Sociedade Impulsa e unha empresa “que se está forrando a costa dos galegos e as galegas”. Mais en concreto, os deputados nacionalistas defenderán unha iniciativa en contra da implantación na universidade privada de Abanca do grao de Dereito, que xa existe nas tres universidades públicas e cuxa autorización contravén a lei universitaria de Galiza. Bará subliñou, sobre esta cuestión, a oposición dos reitores a este novo agasallo á Universidade Intercontinental, á que xa se lle concedeu o grao de Psicoloxía, en contra tamén do que di a lei galega.
Entre os puntos destacables que o Bloque vai defender no Pleno figura tamén a reprobación de José Manuel Baltar como senador por designación autonómica, “pola comisión dun delito contra a seguridade viaria e pola falta de exemplaridade que isto supón”, afirmou Bará.
A situación crítica que está a vivir o sector do mar ou o estado de emerxencia lingüística serán outros dos temas do Bloque no Pleno, no que volverá a someterse a votación, tamén por iniciativa nacionalista, a creación da Fundación Galega para a Ciencia, o Innogal.