A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización masiva o próximo domingo, 23 de febreiro, para defender na rúa o futuro do galego, “a lingua dos nosos avós, das nosas nais e que queremos legar aos nosos fillos e netas”. “Temos que mobilizarnos como sociedade e con todo o entusiasmo para defender que en galego temos futuro”, asegurou.
Pontón aproveitou unha visita á Festa da Fillloa á pedra de A Baña para lanzar unha mensaxe de esperanza sobre a nosa lingua porque, aínda que vive unha “situación crítica”, son “miles e miles os galegos e as galegas que imos traballar man a man para impulsar un cambio de rumbo e darlle mil primaveras máis”.
O BNG, sostivo, ten “toda a vontade” para acadar un gran acordo pola lingua “desde o consenso social” e para deixar atrás as políticas que discriminan o galego e que o fan retroceder. “Un acordo —explicou— sobre propostas reais e que se efectivicen xa”, como un novo decreto para o ensino co obxectivo de que estea en vigor no próximo curso.
Lamentou, neste sentido, que o PP non queira un acordo a favor do galego, senón un acordo “para enterrar o galego” coas mesmas políticas que o levaron “á peor situación en toda a nosa historia”, como amosan os “dramáticos” datos oficiais de perda de falantes e como veñen advertindo os informes do Consello da Cultura e da Real Academia da Lingua.
“O galego está en situación de emerxencia lingüística polas políticas de acoso e derribo do PP” e, malia gravidade da situación, o Goberno de Rueda “segue coa súa folla de ruta para impoñer o monolingüísmo en castelán”, advertiu. “O verdadeiro obxectivo do PP é que o galego sexa cada vez máis pequeno e impoñer o castelán en todos os ámbitos. Queren converter o galego, a lingua que nos une, nunha lingua residual”, afondou.
Pontón acusou o Executivo do PP de negar a realidade dos datos oficias que, subliñou, apuntan que o galego é a única lingua de todo o Estado que perde falantes, que por primeira vez deixou de ser a lingua maioritaria da sociedade ou que o 24 % dos menores de 14 anos din que non sabe falar galego.
O PP vota , de “ganchete con Vox” en contra do uso do galego en Europa
Ana Pontón afeou a actitude “en contra do recoñecemento do galego como merece”. “Mentres nos din que queren un pacto polo galego, está poñendo en marcha leis que van en contra do galego, na Crtvg, na propia administración votan do en contra de máis recursos para o galego ou como vimos esta semana pasada no Congreso, votando en contra de que o galego sexa recoñecido como lingua oficial, de ganchete con Vox, esa extrema dereita que está en contra da nosa lingua”.
É por iso que “o galego require un xiro de 180º graos”, dixo e para o BNG, a proposta máis urxente no acordo polo galego é consensuar un novo decreto para o ensino, porque “se realmente queremos reverter a situación, o decreto da vergoña non pode continuar nin un curso máis, porque está aniquilando o galego entre as novas xeracións”, manifestou Pontón, que adiantou que o Bloque vai levar esta proposta ao Parlamento. “Convido o PP a sentar as bases dun acordo real”, concluíu.
Ana Pontón fixo estas declaracións na Baña, a onde acudiu para amosar o seu apoio á declaración como Festa de Interese Turístico da súa festa da filloa na pedra e para degustar este produto “sinxelo, humilde, pero moi rico e que forma parte xa da cociña do entroido”.
A portavoz nacional, á que acompañou a tenente de alcaldesa, Mónica González, subliñou o traballo que “voluntaria e desinteresadamente” fai a veciñanza da Baña e o propio concello para que se poida celebrar a festa da filloa, “un dos mellores produtos da nosa gastronomía” do que non dubidou en declararse “fan”.