O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que rectifique a recente modificación normativa incluída na Lei 7/2024, que deixa sen efecto as solicitudes de devolución do IRPF presentadas polas persoas mutualistas, obrigándoas a repetir trámites innecesarios. A organización nacionalista denuncia que esta medida supón unha vulneración dos dereitos das persoas afectadas, maioritariamente de idade avanzada, así como unha falta de recoñecemento ao traballo desenvolto pola Axencia Tributaria.
O deputado nacionalista vén de rexistrar iniciativas en que demanda ao Goberno modificar a lexislación para garantir que todas as solicitudes de devolución presentadas até a data continúen a ser válidas, en cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo. "Non é de recibo que despois de que a xustiza recoñecese este dereito, o Goberno poña atrancos administrativos para dificultar o cobro das cantidades indebidamente detraídas" afirma Rego.
O deputado nacionalista critica que, após meses de requirimentos por parte da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) para completar os expedientes, agora se cambie o procedemento, anulando de facto o traballo xa realizado. "As persoas mutualistas xa cumpriron coas exixencias marcadas pola AEAT e non poden ser obrigadas a iniciar de novo todo o proceso" subliña Néstor.
Ademais, Rego denuncia que a nova regulación impón que as solicitudes deban renovarse anualmente, o que implica unha carga burocrática inxustificada. "Isto non só afecta negativamente ás persoas mutualistas, senón que tamén despreza o labor desenvolto polos traballadores e traballadoras da AEAT, que investiron inxentes esforzos na xestión destas solicitudes" engade.
Ante esta situación, Néstor Rego urxe o Goberno a actuar con responsabilidade e garantir que os dereitos das persoas mutualistas non se vexan prexudicados por esta mudanza normativa. "Exiximos unha rectificación inmediata para que ningunha das solicitudes xa presentadas quede sen efecto e para que se estableza un procedemento de oficio que simplifique o proceso e evite novas dificultades" conclúe Rego.