Congreso

BNG reclama ao Goberno subir o SMI a 60% do Salario Medio e que non grave o IRPF

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego aposta por gravar “as rendas do capital e non as do traballo” para conseguir unha fiscalidade máis xusta e redistributiva

O BNG exixe ao Goberno rectificar e cumprir a Carta Social Europea, evitando castigar a quen menos ten mentres mantén privilexios para sectores con máis recursos

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado cumprir a Carta Social Europea e subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) até 60% do salario medio, chegando até 1.320,04 €/mes. Para o deputado nacionalista, a recente suba aprobada polo executivo é insuficiente e non garante unhas condicións dignas para a clase traballadora, agravándose esta situación, se non se rectificar, pola decisión do Goberno de que as persoas perceptoras do SMI teñan que pagar o IRPF. Néstor Rego exixe ao Executivo cumprir coa Carta Social Europea e gravar as rendas do capital e non as do traballo.

A formación nacionalista lembra que a Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais para exixir que o Estado español estabeleza un SMI cumprindo a Carta Social Europea, é dicir, 60% do salario medio. Esta reclamación, recorda o deputado do BNG, está próxima a ser resolta e podería implicar un novo toque de atención á política laboral do Goberno.

Para o BNG está claro que, tomando os datos de Eurostat sobre os salarios no Estado español, a recente suba do SMI non só non está a cumprir co estabelecido pola Carta Social Europea senón que fica moi lonxe, evidenciando a falta de compromiso por parte do Goberno do Estado con desenvolver políticas laborais que permitan avanzar en dereitos e benestar. Neste sentido, o BNG xunto con ERC, presentou iniciativas parlamentarias para garantir unha suba real do SMI e camiñar para unha fiscalidade máis xusta, progresiva e redistributiva.

Ademais, o BNG rexeita con contundencia a decisión do Executivo de manter a tributación do SMI a través do IRPF. Para o deputado nacionalista, esta medida supón unha maior presión fiscal sobre os salarios máis baixos, mentres as grandes fortunas e as grandes empresas seguen beneficiándose dunha fiscalidade máis laxa. “Rexeitamos gravar o salario mínimo co IRPF. Hai que gravar as rendas do capital, non as do traballo”, afirma o deputado do BNG.

Néstor Rego tamén critica as recentes declaracións da ministra de Facenda, María Jesús Montero, quen argumentou que o SMI xa non é unha “renda de subsistencia” e, por tanto, debe tributar. Para o deputado nacionalista, esta afirmación é errónea e perigosa, xa que a realidade económica mostra que moitas traballadoras e traballadores con salario mínimo seguen tendo dificultades para chegar a fin de mes. “Se o Estado necesita máis ingresos, hai alternativas claras: combater a evasión fiscal, aumentar impostos ás grandes corporacións, reducir a fraude fiscal das grandes empresas, etc.” enumera Rego.

Diante desta situación, o BNG seguirá traballando nas Cortes do Estado para que o SMI chegue a 60% do salario medio e para evitar que a política fiscal do Goberno castigue a quen menos ten, mentres mantén privilexios para os sectores con maiores recursos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG