parlamento galego

BNG cualifica de “fracaso” a política lingüística educativa da Xunta e pídelle que abandone o seu “búnker negacionista”

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas acusa ao goberno de patrocinar “unha escola desgaleguizadora” e pide á Xunta que non reduza o idioma  a unha “foto” o Día das Letras Galegas

Cualifica de feito grave que Xunta ignore “a avaliación da Real Academia galega e as demandas do Consello de Europa para eliminar as limitacións ao ensino en galego”

A portavoz de Lingua do BNG, Mercedes Queixas interpelou ao goberno sobre o uso do galego como lingua vehicular no ensino e cualificou de “fracaso a política lingüística educativa”. Queixas pediulle á Xunta que abandone o seu “búnker negacionista” e deixe de patrocinar “unha escola desgaleguizadora”.

A  Xunta, afirmou, debe   rectificar a súa política lingüística e non reducir o galego “ a unha foto no día das letras”. Ademais recriminou que ignore “a avaliación da Real Academia galega e as demandas do Consello de Europa para eliminar as limitación ao ensino en galego”.

Tras a intervención do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez  que negou o relato da situación lingüística do galego, Queixas reiterou que despois dunha década os  informes e avaliacións sociolingüísticas evidencian o  “fracaso da actual política lingüística educativa”.

Queixas lamentou que Román Rodríguez non respondera a ningunha das preguntas  formuladas polo BNG e explicou que a cuestión non é ter visións diferentes, o problema, recalcou é “comprobar de forma empírica e científica” que o seu proxecto “non funciona”  como demostra a avaliación asinada pola Real Academia constatando que “o modelo lingüístico vixente no sistema educativo está consolidando os desequilibrios existentes, no canto de compensalos”, avaliación sobre a que o goberno aínda non se pronunciou. Agora, engadiu a deputada, vostede respóndenos que teñen a man tendida. A man tendida é a do  a do BNG  que  en sete ocasións solicitou  á Mesa de Educación que os colectivos que elaboraron a proposta de Bases para unha normalización lingüística no ensino  puideran explicala no Parlamento e unha vez, tras outra, só atopamos por resposta o “veto” do Partido popular.

Sobre o anuncio do Proxecto Nós, a deputada  deulle a benvida e amosou a súa esperanza de que o galego entre a formar parte da tecnoloxía pero suxeriu ao titular de Educación comezar por “eliminar a prohibición” de impartir en galego a materia de tecnoloxía. “Imos  poder falar en galego coas máquinas pero o problema é que os nenos e nenas cada vez saben falar  menos galego e cada vez temos a menos persoas con competencia lingüística para falarlle ás máquinas en galego”.

Queixas pediu ao goberno un compromiso coa normalización lingüística e abandonar a propaganda, case sempre, dixo, “cunha foto o Día das Letras Galegas” para  despois volver ao seu “búnker negacionista” e negar a realidade. Teñen que escoitar a sociedade e deixar de patrocinar “unha escola desgaleguizadora”.

A deputada reiterou que a política lingüística non funciona. “É preciso  restituír as ferramentas que permitan que desde a escola se aprenda o noso idioma” e cominou á Consellería de Educación a cumprir a lei e lembrou que  Consello de Europa demanda con urxencia que se "eliminen as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación" e  "facer públicos os informes de avaliación dos organismos supervisores no ensino”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG