O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta da pasividade do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico ante a súa negativa de levar a cabo as obras nos cantís da praia do Xunqueiro en Oleiros. A formación nacionalista recorda que a zona se sitúa dentro de dominio público marítimo terrestre e, polo tanto, é competencia directa do Goberno do Estado, que debe solucionar os problemas de seguranza e estabilidade da estrada que bordea a cala.
Na resposta do Goberno do Estado remitida á formación nacionalista o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e a Dirección Xeral da Costa e o Mar rexeitan levar a cabo as obras e alude a que a seguranza nos lugares de baño é competencia municipal igual que o é a estrada en que se produciron os diversos derrubes durante os temporais de inverno.
“A zona sitúase dentro de dominio público marítimo terrestre e sobre a mesma ten competencias directas o MITECO a través da Demarcación de Costas da Dirección Xeral da Costa e o Mar que continúa a facer omisión do seu deber” recrimina o deputado nacionalista ante a pasividade da Administración estatal. A única medida adoptada até o momento “foi a sinalización con cinta da zona perigosa mais seguen sen iniciarse as actuacións que precisa esta zona”.
Así mesmo, o BNG insiste na necesidade do arranxo da estrada para evitar, ademais de danos materiais, un posíbel custo de vidas humanas de se producir outro derrube. “É urxente que o Goberno do Estado atenda as demandas da veciñanza de Oleiros que viven pola zona e que ven como a estrada queda agora ao borde xusto do precipicio sen protección para os vehículos nin para os peóns” asevera Rego.
Por outra banda, a formación nacionalista lamenta a posición do Partido Socialista a nivel municipal que votou en contra da moción que reclamaba ao Goberno do Estado levar a cabo as actuacións de reparación para evitar máis derrubes que o único que procuran é a seguranza das veciñas e veciños do Xunqueiro en Oleiros.