Parlamento Galego

BNG critica a ausencia de Feijóo entre os comparecentes do PP na comisión de investigación sobre a contratación pública

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil pregúntase se iso significa o veto do PP á comparecencia do expresidente da Xunta na comisión, como pide o Bloque: “Sería toda unha declaración de intencións”

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil,  criticou este martes no Parlamento a ausencia “clamorosa” do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre os comparecentes do PP na comisión de investigación impulsada polo BNG sobre os chanchullos na contratación pública.

Rodil afirmou que “sería toda unha declaración de intencións” que o PP vete que o expresidente da Xunta explique na Comisión de Investigación os contratos millonarios con Eulen, a  empresa que dirixe en Galiza a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo, e que recibiu 4,9 millóns de euros a través de 1.311 contratos a dedo. O actual líder do PP, explicou Rodil, debería comparecer tamén para explicar os contratos de emerxencia durante a Covid, polos que o BNG pide a comparecencia do cuñado de Núñez Feijóo, Ignacio Cárdenas, directivo da firma Universal Support, que facturou 15,2 millóns á Xunta entre 2020 e 2022, xustamente canto o actual máximo responsable do PP presidía a Xunta.

A deputada nacionalista fixo estas declaracións durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, onde adiantou os temas que o Bloque levará a Pleno a semana que vén, e no que a Sanidade centrará parte importante das iniciativas do BNG.

A portavoz nacional, Ana Pontón preguntaralle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se o Goberno galego ten previsto tomar algunha medida eficaz para solucionar os problemas da sanidade pública.

Rodil afirmou que continúa sen haber persoal médico en moitos centros de saúde, que faltan pediatras e que as listas de espera na atención especializada nos hospitais continúan medrando. Segundo os propios datos da Xunta, máis de 22.000 persoas en Galiza están pendentes dunha cita cun especialista e 50.200 seguen agardando por unha intervención.

“Nunca houbo tanta xente neste País agardando para operarse ou que o vexa un médico, nin sequera na Covid”, salientou. “A ver se temos sorte e neste Pleno Rueda responde a algo do que se lle pregunta, nunca hai que perder a esperanza, nin sequera co PP”, ironizou.

Afondando nos problemas da sanidade, o Bloque defenderá a través dunha proposición de lei que os recursos destinados á Atención Primaria, unha vez descontado o gasto farmacéutico, se sitúen como mínimo no 25 % do investimento da Consellería de Sanidade.

“Vemos un ano máis como no proxecto de orzamentos para 2025, o PP non reverte os recortes orzamentarios dos últimos anos en Atención Primaria. O investimento para o 2025 continúa mantendo un diferencial acumulado desde 2010 e 2025 de 2.000 millóns de euros”, indicou.

Rodil advertiu ademais que o investimento da Xunta do PP en atención primaria para o vindeiro ano se sitúa no 19% to total do gasto de Sanidade, por debaixo das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), que o cifra no 25 % como mínimo.

Rescate das autoestradas autonómicas e o galego dos interinos

Outro asunto que o BNG levará ao Pleno da vindeira semana a través dunha proposición non de lei será o rescate das autestradas de titularidade autonómica que unen Carballo e A Coruña (AG-55) e Vigo o Val Miñor (AG-57), engadíndoas á lista de autovías que o PP quere rescatar en 2025 (a AG-56 Santiago-Brión, a AG-11 do Barbanza, a AG-31 de Celanova e a AG-41 do Salnés).

Nestes senso, Rodil considera “incomprensible e inaceptable que o Partido Popular castigue dúas comarcas tan importantes, deixando fóra da gratuidade estas dúas infraestruturas”.

 A deputada anunciou ademais que o Bloque pedirá que, antes de levar a cabo o rescate das concesións destas autovías, se revisen os incrementos das tarifas aprobados nos reequilibrios económicos para reducir desde agora e ata 2032 a súa contía ata a cantidade estritamente indispensable para asegurar a viabilidade financeira dos contratos, tal e como recomendou en 2023 o Consello de contas, xerando así un aforro ás arcas públicas de cando menos 44 millóns de euros.

“A Xunta non pode nin debe pagar un euro máis do que sexa estritamente necesario. Estou convencida de que non haberá unha soa forza política neste Parlamento que se opoña a xerar un aforro millonario ás arcas públicas deste País”, augurou.

Por outra banda, o BNG levará a Pleno unha pregunta urxente sobre proposta que inclúe o Executivo de Rueda na Lei de acompañamentos e Orzamentos para 2025, dunha reforma pola que, segundo Rodil, o PP “pretende introducir pola porta de atrás” a eliminación da necesidade de acreditar o nivel de lingua galega para optar á contratación laboral temporal da Xunta de Galiza.

A deputada nacionalista preguntouse se esta é “a carta de presentación do PP para chegar a un pacto pola lingua coas forzas políticas deste Parlamento”, a de seguir “restando espazos de coñecemento e uso para a lingua galega” e continuar “poñendo trabas, límites e atrancos, mesmo legais, aos dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG