A portavoz de Vivenda no Parlamento, Alexandra Fernández, defendeu no Pleno o plan de vivendas dotacionais que propón o BNG -dignas, con criterios mínimos de habitabilidade e adaptadas ás distintas realidades sociais-, fronte ao modelo hostel do PP para xente nova, con espazos privativos de 30 metros cadrados e espazos comúns indeterminados.
“A norma que o PP aprobou pola porta de atrás -a través da Lei de Acompañamento- contribúe a degradar dende a propia Administración pública a calidade do parque de vivenda construído” e a “precarizar aínda máis unhas vidas que xa están pecarizadadas”, asegurou Alexandra Fernández, que quixo deixar claro o apoio do BNG aos aloxamentos dotacionais como alternativa á situación de emerxencia habitacional que existe na actualidade.
Unha alternativa que, explicou, permite aproveitar solos reservados a usos e servizos públicos para crear residencias temporais de carácter público, e que se fai necesaria nun contexto no que unha parte da poboación, especialmente a mocidade, ten moi difícil o acceso a unha vivenda, porque “apenas poden escoller entre pagar rendas abusivas de aluguer ou continuar vivindo na casa familiar”. Galiza, salientou, é a segunda comunidade coa taxa de emancipación máis baixa, “resultado dunhas políticas públicas en materia de vivenda que serven para enriquecer a quen especula”.
A deputada nacionalista rexeitou o modelo de vivendas dotacionais anunciado polo PP para menores de 36 anos porque non garante as condicións de habitabilidade mínima nin ten en conta as distintas realidades, limitándose a unha “especie de residencia de estudantes”, un “hostel” para mozos e mozas. “A mocidade pode ter fillos, pode ser só unha parella, e para desenvolver unha vida ten necesidade de máis espazos que non entran en 30 metros cadrados”, advertiu, preguntando ás bancadas do PP se “son 30 m2 con salón compartido e comedor compartido o planazo do PP para ser pai ou nai en Galiza?”.
É por iso que o BNG reclama á Xunta que, antes de iniciar calquera promoción de aloxamentos dotacionais, defina os criterios de deseño que garantan unhas condicións de habilitabilidade mínimas, é dicir, “vivendas dignas, adecuadas, sostibles e accesibles”, subliñou a deputada. Ademais, a proposta nacionalista, que foi rexeitada polo PP, reclamaba a garantía de que estes aloxamentos sexan de xestión pública, pois o proxecto do Goberno do PP “abre a porta a unha posible privatización”, lembrando neste punto que a Lei de Acompañamento aprobada onte introduce a posibilidade de ceder a xestión dunha parte do parque público a entidades como Cáritas.
A iniciativa nacionalista defende ademais respectar as atribucións dos concellos relativas á intervención nos usos de solo da edificación e establecer a obrigatoriedade dun informe favorable da Administración Local sobre a súa localización, dado o carácter excepcional. Ademais, o Bloque é partidario de ampliar os beneficiarios deste tipo de vivendas a outros colectivos e persoas en situación de emerxencia habitacional .
Durante a súa intervención, a portavoz de Vivenda do grupo do BNG acusou o PP de adecuar as súas políticas de vivenda ao novo ciclo do mercado inmobiliario “para favorecer que os grandes capitais obteñan plusvalías a través do alugueiro”. “A vivenda é hoxe un mecanismo de transferencia inxente de recursos que vai dende os sectores da poboación máis pobre e cara os de maior renda, o que fai afondar cada vez máis na brecha social entre os que máis teñen e os menos teñen”, agregou.
Criticou, ao respecto, os cambios introducidos pola maioría do PP a través da Lei de Acompañamento para beneficiar fiscalmente a quen adquira e alugue un edificio completo de vivendas, sen ter en conta nin tan sequera cal vai ser o prezo deses alugueiros. Quen pode comprar un inmoble completo?, preguntou no hemiciclo Alexandra Fernández, que criticou igualmente as axudas directas de até 9.500 euros para multipropietarios que aluguen vivenda se non último ano estivo parada, pudendo alugala por riba do prezo actual do mercado libre, ou as axudas de até 50.000 euros por vivenda para promotores aos que tan só se lles pide que mateñan prezo taxados durante quince anos.