O BNG sigue sumando apoios de cara ás eleccións xerais do 10N tanto de simpatizantes anónimos como de persoas con proxección pública, que declaran nas redes sociais que van coller a papeleta da formación que lidera Ana Pontón nos comicios do próximo domingo. Baixo o cancelo #VouVotarBNG, integrantes do mundo da cultural, intelectuais ou activistas sociais avanzan o seu voto ao Bloque e as razóns polas que optan pola forza nacionalista.
O dramaturgo Quico Cadaval, o ensaísta Suso de Toro, o cineasta Alfonso Zarauza, a feminista e activista Encarna Otero, a escritora Eli Ríos, o experto en memoria histórica, Manuel Mongue, entre as persoas que subiron as redes vídeos de apoio ao BNG, e outros como o sociólogo latinoamericano Ramón Grosfóguel, tamén convidan a votar por unha forza que define como “de esquerdas” e co centro de decisión en Galiza.
Tirando da súa tamén ben coñecida faceta de cómico, Quico Cadaval ironiza sobre un proceso electoral que máis parece “un concurso televisivo para escoller o máis guapo ou a máis guapa”. “É hora de que esteamos representados no Congreso cunha forza propia que non estea ao servizo de completar as aritméticas de partidos estatais senón pola defensa do país, unha Galiza que ten que pasar de parecer o mellor país de Europa e pasar a ser o mellor país de Europa.
“Porque quero que o meu país exista” é o contundente argumento de Suso de Toro para votar ao BNG o 10N. Mentres que a activista e feminista Encarna Otero destaca a garantía de que a representación nacionalista no Congreso “vai falar de Galiza, dos seus problemas e da súa xente, pero tamén vai defender os dereitos e liberdade das persoas e o reparto igualitario da riqueza”.
Desde a Illa de Ons onde está rodando a última película, Alfonso Zarauza avanza o seu voto “porque é máis importante que nunca que Galiza conte con voz propia e que se distinga neste momento de recentralización e porque a única forza capaz de defender a este país é o BNG".
A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou “o agradecemento do BNG a todas as persoas que se están sumando a esta campaña declarando publicamente que este 10N Galiza ten que recuperar voz en Madrid, e declaran que a mellor maneira de facelo é apoiando a unha forza propia coas mans libres para poder defender os intereses deste país, algo máis necesario ca nunca”, salientou momentos antes de intervir no mitin en Lugo.
A líder nacionalista puxo en valor a capacidade do proxecto nacionalista de xerar consensos, cando a tónica é a fragmentación.
“Nun momento de tanta división, enfrontamento e segregación é un valor que un proxecto político sólido como o BNG consegua sumar, sumar a outras organizacións, sumar o apoio de persoas que sen ter carné desta organización creen que é a mellor opción para este 10N. Estou convencida de que con toda esta forza, con todo este apoio e entusiasmo imos dar un gran salto o 10N conseguindo representación no Congreso dándolle voz a Galiza e acabando con tanto silencio e tanto desprezo co noso país”, argumentou.
Estes apoios nas redes sociais de persoas individuais, -recoñecidas socialmente ou anónimas-, sumánse ao manifestado por outras organizacións como CxG, que trasladou o seu apoio ás candidaturas do Bloque para a cita electoral do domingo.