O BNG continúa con Anova a rolda de contactos para unha coalición unitaria galega ás europeas

De cara a promover unha coalición unitaria galega de forzas nacionalistas de esquerda para concorrer ás eleccións europeas de 2014, o BNG continúa a súa rolda de contactos con Anova, cunha reunión ao máximo nivel prevista para o vindeiro mércores 2 de outubro, tras os encontros mantidos xa con CxG e Nós-UP.

A iniciativa do BNG ten como obxectivo promover unha coalición unitaria galega para que Galiza acade unha representación sólida na Eurocámara que defenda os seus intereses de país no Parlamento Europeo, e para construír outro modelo de Europa social e dos pobos alternativo á Europa dominada polo poder financeiro e os lobbies económicos.

A reunión entre BNG e Anova terá lugar despois de que o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, se dirixira por carta ao portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, para concertar un encontró de cara a explorar as posibilidades de concorrer xuntos aos comicios europeos do 24 de maio de 2014, unha vez que ambas formacións aprobaron os criterios para posibles alianzas electorais.

Vence xa avanzou nese escrito o seu convencemento de que “desde a xenerosidade”, hai marxe para poder conformar unha gran coalición unitaria galega con forzas nacionalistas de esquerda, e nun segundo paso, -tendo en conta que son uns comicios de circunscrición estatal-, auspiciar unha gran coalición de forzas tamén nacionalistas e de esquerda das outras nacións sen estado, en particular de Euskadi e Catalunya.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG