Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, deputados do grupo parlamentar, Ariadna Fernández e Luís Bará; a senadora nacionalista, Carme da Silva; e concelleiros da Estrada, achegaranse o sábado á celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo.
O pasado mes de xuño o BNG logra o compromiso para declarar a Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interese Cultural. A deputada Ariadna Fernández anunciou que o BNG presentará alegacións á incoación do expediente do BIC e volverá a presentar iniciativas no Parlamento “solicitando unha protección efectiva dos montes”.
A deputada nacionalista sinalou que a proposta inicial da Consellería é de pouca contundencia e amosa un interese lixeiro por conservar e protexer os lugares onde teñen o seu hábitat os cabalos de monte. “Precisamos que se concrete de xeito explícito a delimitación espacial que entraría dentro da protección do Ben de Interese Cultural e as medidas concretas de protección fronte as agresións que se levarán a cabo”.
“Evidentemente hai outro tipo de intereses” subliñou Ariadna Fernández, que fai fincapé na intención do Partido Popular por tramitar parques eólicos nesta zona. “Está claro que a conservación dos cabalos e do monte para o PP é algo secundario, mais dende o BNG seguiremos loitando para que se defina de xeito claro a protección deste espazo, das bestas e por suposto da Rapa das Bestas”.