O Bloque Nacionalista Galego entende que segundo máis información se vai coñecendo sobre as posíbeis comisións cobradas por Juan Carlos I no momento en que era aínda Xefe do Estado fan absolutamente necesarias a constitución da comisión de investigación parlamentar solicitada polos grupos Republicano e Plural, no que se integra o BNG.
Néstor Rego entende que “as institucións públicas así como as xudiciais, non poden deixar pasar por alto posíbeis casos de corrupción en actuacións realizadas no momento en que Juan Carlos I exercía como Xefe do Estado”. Nese sentido, insta os grupos que conforman o goberno do Estado, PSOE e Unidas Podemos, a que apoien esta comisión de investigación.
Na opinión do deputado do BNG, intentar ocultar, como se leva realizado ao longo dos últimos 45 anos, as posíbeis prácticas fraudulentas e corruptas realizadas polos Borbóns, non fai máis que incidir no descrédito da Casa Real e da monarquía e pór en evidencia o carácter pouco democrático do Réxime de 78. O deputado nacionalista salienta precisamente que a monarquía “é unha institución absolutamente anacrónica e incompatíbel cun sistema que se queira democrático, en que a Xefatura do Estado debe ser elixida por todos os cidadáns e cidadás.
Para Rego non é de recibo que na altura do século XXI a Xefatura do Estado sexa “vitalicia, hereditaria, posta pola “graza de Deus”, e neste caso tamén pola de Franco, na medida en que foi o ditador quen nomeou sucesor a Juan Carlos Borbón”. Na opinión do deputado nacionalista é precisamente este carácter vitalicio e hereditario, xunto coa inviolabilidade do rei e o escudo mediático co que sempre foi protexido, o que facilita a realización de todo tipo de prácticas corruptas como estas que se están dando a coñecer. Por iso, insiste Rego, “é unha cuestión de hixiene democrática que se poida investigar no ámbito parlamentar sobre este asunto”.