O BNG cifra en 1.000 M€ de investimento directo para Galiza o seu apoio aos orzamentos do Estado para 2021

Néstor Rego e Ana Pontón
Néstor Rego e Ana Pontón
Ana Pontón: “Non se poden considerar sociais unhas contas que prevén aquí un recortazo mentres aumentan un 40% en Catalunya e Andalucía”

O BNG ten toda a disposición a negociar co Goberno do Estado pero o voto favorable aos orzamentos de 2021 ten unha cifra concreta: un investimento territorializado de mil millóns de euros en Galiza como contía mínima.

A formación nacionalista valora os elementos positivos desas contas, como a redución histórica nas peaxes da AP9 grazas ao acordo de investidura, que demostra que ter “voz propia” no Congreso é clave para defender os intereses dos e das galegas, fronte as forzas estatais que se alternan nos recortazos a Galiza.  Pero non é suficiente.

“Sabemos que os e as deputadas galegas do PP votarán en contra recollan o que recollan os orzamentos e sabemos que o PSOE votará a favor digan o que digan esas contas, que pulsarán o botón seguindo as instrucións que lle marquen Casado e Sánchez, porque para eles os intereses do partido están por riba dos intereses deste país”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen “non poden considerarse sociais uns orzamentos que discriminan a Galiza”.

“Cando se alega que son contas expansivas e sociais para recriminar ao Bloque teño que dicir que os orzamentos son igual de expansivos e socias en Cataluña ou en Valencia, por poñer un exemplo, e neses territorios o investimento sube un 48 e un 45% respectivamente. Porque non ese mesmo trato para Galiza?”, alega Pontón,  “non podemos aceptar un novo recortazo como se aquí non houbese necesidades que atender, máxime nun contexto de crise económica e social que ten a moitas persoas e a moitos sectores contra as cordas”.

Na mesma liña se expresou o deputado Nestor Rego na comparecencia para explicar as emendas parciais aos orzamentos do Estado. “Estamos con total disposición de negociar, pero o BNG non vai colaborar nuns orzamentos que discriminan a Galiza e o que cabe preguntarse é porque outras forzas políticas están dispostas a facelo”, indicou, en referencia ao PSOE, “quen sen embargo non ten problema en votar coa extrema dereita de VOX e co PP cando se trata de impedir que se investigue a corrupción da monarquía”.

Nunhas contas que medran un 20%, no que as partidas de investimentos reais e transferencias de capital soben un 138%, -explicou o deputado nacionalista-, Galiza baixa un 11% “e iso é o que queremos cambiar” durante a tramitación.

En concreto, Rego subliñou que as emendas parciais presentadas polo Bloque están en relación con tres eixos: infraestruturas, políticas sociais e medio ambiente. Así, fanse  melloras na rede ferroviaria interna, tanto no norte entre Ferrol e A Coruña, como na rede FEVE,  nas conexións interiores e con Portugal. Igualmente, conexión por tren para o porto exterior da Coruña e para que o Estado asuma a súa débeda.

No ámbito social, compensar a débeda en dependencia, -para o que se pide 250 millóns de euros adicionais-; suprimir a taxa de reposición de xeito prioritario na sanidade e contribuír á redistribución de rendas aumentando nun punto o imposto de patrimonio a partir dun millón de euros. En relación ás propostas ambientais, Rego destacou a rexeneración das rías, -unha vez logrado xa a inclusión da Ría do Burgo-, recollendo tamén compensacións por actividade cesante ao sector marisqueiro.

A millonaria cifra destinada a gastos imprevistos, o gasto militar, (que de excluír os fondos europeos suporía o 40% do incremento) ou a Casa Real, -que sube un 7% pese ao “espectáculo” que está dando nos últimos tempos-, son partidas das que o BNG considera posible recortar a favor dun mellor trato a Galiza e para mellorar os orzamentos no seu conxunto.

“O que temos claro no Bloque é que imos defender os intereses de Galiza e iso significa que o investimento mínimo debe ser de 1.000 millóns de euros se o Goberno de Sánchez quere contar co noso apoio”, concluíu Pontón.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG