O BNG chama a secundar masivamente as manifestacións contra a Troika

O BNG apoia esta convocatoria do 1 de xuño e implícase na organización das mobilizacións que terán lugar no noso país, estendendo o chamamento á mobilización de todo o pobo galego para participar nas manifestacións convocadas nas cidades e vilas de todo o país.

A reposta desde a rúa, ampla e plural, ás políticas da Unión Europea é a única maneira de garantirmos posibilidades reais de democracia, traballo e benestar para as nosas sociedades.

Compostela, 29 de maio de 2013.- O nacionalismo galego foi sempre profundamente crítico con respecto ao proxecto de construción europea, un proxecto que careceu desde os seus comezos dunha perspectiva social e política a favor das maiorías sociais e dos dereitos das persoas e dos pobos e que, pola contra, se ergueu unicamente como espazo para a ampliación e consolidación dos mercados. No BNG sempre tivemos claro que o modelo europeo que se estaba a construír era un modelo neoliberal, unha Europa dos mercados, e non a Europa social das persoas e dos pobos: abonda botar a ollada atrás e comprobar cal foi a postura do BNG  no 1985, fronte á entrada -tal e como e se fixo- na CEE; ou no 1993, fronte ao Tratado de Maastricht e tamén no 2005, cando pedimos o voto negativo ao Tratado para a Constitución Europea.

As decisións políticas que se tomaron desde o comezo da crise en 2007 puxeron de relevo o deseño neoliberal da arquitectura da Unión Europea. A Troika interveu nos países afectados pola crise para salvagardar os intereses da banca e do grande capital. No caso español, e coa colaboración manifesta do PP no goberno do Estado e da Xunta de Galiza, transformouse a crise do sector financeiro nun problema de débeda pública que se utiliza para forzar medidas de desmantelamento das conquistas sociais e para afianzar un marco legal claramente neoliberal, onde non teñen cabida os dereitos das persoas e dos pobos. As políticas actuais da UE confirman a análise histórica do nacionalismo galego neste sentido. Por iso é lóxico que o BNG participe e chame a participar da xornada europea de mobilizacións do vindeiro 1 de xuño.

O BNG vén denunciando desde as institucións e desde a rúa as nefastas consecuencias ás que nos conduciron estes anos de neoliberalismo salvaxe: destrución masiva de emprego, desmantelamento e privatización da sanidade e educación públicas, ataques continuado aos empregados públicos e ao sistema de pensións, traslado aos aforradores dos custos da reestruturación do sector bancario mediante a estafa das preferentes.

Por todos estes motivos, o BNG defende de xeito urxente un cambio de rumbo completo que reoriente as políticas a todos os niveis, substituíndo o apoio ao sector financeiro e á economía especulativa por medidas que permitan a recuperación da economía produtiva, reforcen o sector público e garantan os dereitos á sanidade, educación e pensións.

A soberanía como alternativa

E para que este cambio se produza e poidamos superarmos esta situación, o BNG pon enriba da mesa as súas alternativas: devolver aos pobos a capacidade de decisión política, hoxe secuestradas polos mercados, dos que as institucións políticas da UE e dos estados funcionan como sucursais, e rompermos dependencia económica e a subordinación política de Galiza para garantir o noso desenvolvemento económico e social, acadando unha soberanía para o noso país.

Para Galiza, ademais, o resultado das políticas que promove -e que aplicaron e aplican, aquí e en Madrid, o PSOE e o PP- é demoledor: vetos e limitacións aos nosos sectores produtivos, empobrecemento social, desertización económica, desemprego e emigración xuvenil masiva, caída demográfica.

Fronte a esta Europa do euro, do capital, dos mercados, precisamos soberanía. Soberanía para construír a democracia, soberanía para desenvolver Galiza, soberanía para facer fronte á Troika e poder tomar decisións a prol das maiorías sociais. Por iso agora máis que nunca desde o BNG cremos na necesidade de lograr unha soberanía real e efectiva para o noso pobo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG