A deputada do BNG Alexandra Fernández censurou este martes a falta de vontade política do PP para poñer en marcha novas medidas que axuden á emancipación dos mozos e mozas de Galiza, cuxa perspectiva vital -asegurou- está “pragada de dificultades” pola situación do mercado laboral e do acceso á vivenda.
Alexandra Fernández defendeu na Comisión 2ª unha proposición non de lei con algunhas das medidas en vivenda que propón o BNG para mellorar a taxa de emancipación da xuventude galega, que se sitúa hoxe no 15,7%, practicamente a metade da media en Europa (31 %). Segundo explicou, un mozo ou moza debe destinar no País un 60,5 % do seu salario para cubrir a renda mensual dunha vivenda, cando o recomendable é non gastar máis dun 30 %.
O BNG defende, en primeiro lugar, que o Observatorio da Vivenda de Galiza saia do estado de “coma” no que se atopa para analizar e diagnosticar o fenómeno da emancipación en Galiza, para aplicar logo medidas concretas sobre as necesidades detectadas.
Alexandra Fernández xa adiantou, porén, algunhas das liñas estratéxicas a incorporar no plan de emancipación proposto polo BNG. O aumento das cotas e da vivenda protexida dispoñible destinada á xente moza é unha delas, aínda que “para non repartir a nada” a Xunta tería que incrementar o número deste tipo de inmobles en xeral. Outra das propostas para ese plan, incluídas na iniciativa que rexeitou o PP, é o impulso dun programa de mediación e mobilización de vivenda baleira “co fin de lograr a posta en aluguer a prezos limitados para a xente moza”.
A deputada nacionalista reclamou ademais impulsar un conxunto de accións para frear e reducir os prezos da vivenda no mercado libre. Neste punto, asegurou que Galiza ten condicións para declarar algunhas zonas como mercados tensionados e avogou por lexislar e limitar a proliferación das Vivendas de Uso Turístico.
Outra das propostas do Bloque consiste en ampliar no curto prazo as axudas para o pago do aluguer. Alexandra Fernández demandou, neste sentido, a convocatoria inmediata do Programa de bono alugueiro mocidade do Estado cumprindo escrupulosamente os prazos, e defendeu tamén o “despregue” de novas axudas á emancipación complementarias que dean cobertura, por exemplo, á mocidade que se despraza por motivos de estudo sen contrato laboral.
Aumentar a oferta pública de aloxamentos dotacionais específicos para a mocidade e o estudantado, promover novas tipoloxías de vivenda colectiva públicas especificamente deseñadas para as formas de vida e necesidades deste colectivo ou promover novas modalidades de contrato como a rehabilitación por renda, o cohousing, o coliving ou a cesión de uso son outras das medidas que Alexandra Fernández incluíu na proposición non de lei debatida en comisión.
Logo de que o PP anunciase o voto en contra, a deputada lamentou a súa falta de “empatía” coa mocidade, ao tempo que condenou que o partido no Goberno da Xunta trate de enmascarar un problema que ten graves consecuencias noutros ámbitos, como é o da natalidade, porque “sen unha vivenda dificilmente os mozos pensan en formar unha familia, ou o do acceso á educación, porque as dificultades para estudar fóra da casa son cada vez maiores porque “as becas tampouco chegan”.
“Hai moitísima marxe de actuación. Hai fondos e capacidade”, remarcou tamén Fernández para reprobar a falta de vontade política do PP. E, neste punto, criticou a falta de execución dos orzamentos do programa de acceso á vivenda do IGVS para 2022: dos 67 millóns de euros presupostados só foron executados 17. “É dicir, deixaron 50 millóns sen executar, o 75 % do orzamento”, criticou para rebater o argumento da falta de cartos para por en marcha as medidas do BNG en favor da mocidade.