A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anuncia que o BNG defenderá no vindeiro pleno unha proposición non de lei co fin de acadar o apoio de todas as forzas políticas ao texto do acordo de investidura entre BNG e PSOE e pedirlle á Xunta de Galiza que se poña a “traballar xa” para “incrementar o autogoberno”.
Tras destacar a relevancia do acordo, despois de 10 anos sen que “Galiza recibira unha soa competencia” por decisión do goberno do Partido popular, “incapaz de incrementar o autogoberno galego” a nacionalista recalcou que “Feixóo deixa un récord moi triste como presidente con cero novas competencias para Galiza”.
Pontón avanzou que o texto do acordo recolle a posta en marcha da Comisión mixta de transferencias, Estado-Xunta, no primeiro cuatrimestre do ano 2020 co fin de programar as transferencias pendentes. Do que realmente se trata, explicou a portavoz do BNG , é de reactivar un mecanismo que está no propio Estatuto de Galiza e cunha negociación bilateral que nos permita “avanzar no noso autogoberno”.
O acordo implica a dous gobernos e a vontade de dúas partes e o BNG conseguiu “desbloquear” a situación política no estado a través deste acordo. Agora debe ser a Xunta a que amose a súa disposición a cumprir cos acordos do Parlamento galego e o Estatuto de Autonomía.
Dende o BNG, engadiu, agardamos que a Xunta non boicotee o acordo e aproveite a oportunidade do camiño que abriu o BNG desbloqueando a Comisión mixta de transferencias. Agardo, que “Feixóo e o Partido popular non se deixen cegar polo seu sectarismo” nin polo “descoloque” que lle produciu a nova situación política do estado.
Ningún galego nin galega entendería “o boicot” a transferir as competencias a Galiza. “Boicotear o acordo non é boicotear ao BNG, é boicotear os intereses de Galiza” e ter competencias non é “un capricho nacionalista é dar resposta ás necesidades da cidadanía”.
Un acordo contra a seca competencial do PP
Entre as competencias exixidas polo BNG a novo goberno do estado para mellorar os servizos públicos figuran: o traspaso dos medios e efectivos para poder desenvolver a Lei de policía galega, tráfico e seguridade viaria, salvamento e seguridade marítima, a transferencia de autoestradas de titularidade do estado, AP-9 e AP-53, a xestión da costa coa ordenación do litoral e doutras competencias como o servizo de meteoroloxía, a confederación hidrográfica Miño-Sil, oficinas de patentes e marcas, completar as transferencias en materia de turismo, organismos de investigación mariña en Galiza, a xestión de bolsas universitarias e arquivos e museos radicados en territorio galego que continúan dependendo das administracións públicas do estado.
Necesitamos desenvolver políticas adaptadas á realidade galega e durante estes anos houbo “un freo” do Partido popular para reclamar unha soa competencia, volveu a denunciar Pontón. Se somos capaces de “salvar unha soa vida nas estradas” a transferencia de Tráfico e seguridade viaria estaría máis que xustificada ao igual que ocorre co salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Neste sentido, lembrou que o acontecido co Prestige demostrou a “desprotección das nosas costas” e despois desa catástrofe aínda non contamos con esta competencia.
A portavoz do BNG tamén ser referiu ao sector pesqueiro galego porque “non se entende que o litoral galego sega xestionado dende Madrid”. O noso destino non é “o marco autonómico” pero iso non impide estar ante a oportunidade de traballar, a corto prazo, para incrementar o autogoberno galego.
Pontón concluíu amosando a súa confianza en que a iniciativa do BNG conte coa unanimidade parlamentaria e concretamente, co apoio do Partido popular a un acordo que “é beneficioso” para Galiza e que abrirá unha nova etapa no panorama político do estado.
RELACIONADO: