O BNG arranca este domingo a precampaña das eleccións europeas do próximo 9 de xuño cun encontro nacional aberto de afluencia masiva que reunirá a centos de militantes, simpatizantes e responsables políticos no Auditorio Mar de Vigo, cidade na que o Bloque Nacionalista Galego foi a forza máis votada nas pasadas eleccións do 18 de febreiro.
A formación nacionalista abre con esta convención o seu calendario de actos de cara a cita coas urnas ao Parlamento Europeo, para a que desenvolverá unha campaña 100% galega, centrada na valoración do traballo realizado ao longo dos últimos anos en defensa do País e na que explicará todo que se xoga Galiza o próximo 9 de xuño, sobre todo en sectores estratéxicos como o agrogandeiro, o pesqueiro ou o vitivinícola, ou en cuestións tan relevantes como as infraestruturas, as conexións con Portugal ou a rexeneración das rías.
O BNG concorre a estes comicios co obxectivo de reforzar un escano que considera a única garantía de que Galiza teña voz propia en Europa e faino cunha candidatura que encabeza novamente Ana Miranda, cuxo incansable e rigoroso labor en defensa do País é o mellor aval á hora de pedir o apoio a unha candidatura da que forma parte tamén un conxunto de homes e mulleres comprometidas co futuro de Galiza e referentes en ámbitos como o académico, o social, o cultural, o ambiental e tamén de sectores produtivos especialmente afectados polas políticas da Unión Europea.
Neste sentido, tanto a propia Miranda como a portavoz nacional, Ana Pontón, abordarán nas súas intervencións a necesidade de darlle máis forza ao escano nacionalista para que Galiza poida facerse escoitar, negociar e defender os seus intereses en Europa, pero tamén para velar polos avances sociais e os dereitos da clase traballadora nas institucións comunitarias, nun contexto no que a crise de prezos provoca que moitas familias galegas non cheguen a final de mes.
Así mesmo, o Bloque reafirma o seu compromiso coa construción dunha Europa dos pobos, esa outra Europa posible que non sexa mera comparsa de Estados Unidos e da OTAN, senón que defenda un mundo máis libre, máis xusto, máis solidario e en paz.
Ademais dos discursos políticos de Pontón e Miranda tamén intervirán outros membros da candidatura, como Roberto Pascual, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática; Miriam Opazo, creadora audiovisual; Roxelio Santos, mariñeiro e divulgador do mundo do mar e Bieito Lobeira, membro da Executiva nacional e gran coñecedor do sector pesqueiro, un dos máis afectados polas decisións da UE.