O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende a necesidade de rexenerar as Rías Galegas para conseguir a mellora da calidade das auga e a recuperación da totalidade da actividade marisqueira. A frente nacionalista sinala a falta de vontade e compromiso por parte do Goberno do Estado pola ausencia de investimentos e partidas específicas para a rexeneración das rías como é o caso da Foz do Miñor, cunha alta potencialidade no sector mar-industria que, a día de hoxe, está vendo limitada a súa capacidade produtiva. Alén do máis, o deputado nacionalista sinala a importancia de que, a partir do 28M, a zona do Val Miñor conte con gobernos municipais –como Gondomar, Nigrán e Baiona- liderados polo BNG para a posta en marcha dun proxecto transformador que favorezan os intereses da veciñanza.
Alén dos traballos para a limpeza e rexeneración na Ría do Burgo -proxecto conseguido após anos de traballo do sector marisqueiro e do propio BNG, incluído o acordo de investidura- a frente nacionalista reclama maior compromiso por parte do executivo estatal para a rexeneración da totalidade das Rías da Galiza. Segundo indica o deputado do BNG no Congreso, estas actuacións permitirían a recuperación do valor ambiental e económico destes espazos.
“Nos sucesivos proxectos de orzamentos, o executivo estatal non contemplou partidas específicas para a limpeza e rexeneración das Rías galegas, unha mostra da falta de vontade de PSOE e UP para atender as necesidades perentorias do noso País” afirma o deputado do BNG. Así mesmo, Rego lembra que a organización nacionalista rexistrou emendas a todos estes proxectos de orzamentos para que se incorporaran partidas para acometer estas actuacións. Pola contra, os partidos que compoñen o Goberno do Estado “votaron sistematicamente en contra”.
“Estamos a falar de rías e enseadas que, como sucede con esta Foz do Miñor, teñen limitada a súa capacidade produtiva” sinala o deputado nacionalista, que lembra que, ademais das razóns ambientais, algunhas delas poderían ter unha produtividade marisqueira maior. Néstor Rego enfatizou a urxencia de levar a cabo un plan para lograr a rexeneración do conxunto das rías galegas “para mellorar a calidade das augas, recuperar o medio e favorecer a capacidade produtiva, fundamental para o sector marisqueiro”.
Por outra parte, Néstor Rego agarda que, a partir do 28 a zona do Val Miñor conte con gobernos municipais liderados polo BNG con persoas como Manuel Rodríguez, en Gondomar, Xavier Rodríguez en Nigrán e Iago Pereira en Baiona para a posta en marcha dun proxecto transformador que favorezan os intereses da veciñanza. “Os concellos do BNG gozan de reputación e prestixio porque cumprimos o que prometemos e porque desenvolvemos políticas verdadeiramente transformadoras que mudan, en positivo, a vida da xente” destaca.
“Dende o BNG queremos reiterar o noso compromiso co saneamento da Foz e do río Miñor e de sermos decisivos na Mancomunidade do Val Miñor tras as próximas eleccións municipais, faremos realidade a contratación do estudo que anunciaron e non contrataron os alcaldes socialistas do Val” sinala o cabeza de lista do BNG por Nigrán, Xavier Rodríguez.
Así mesmo, Iago Pereira, o candidato do BNG á alcaldía de Baiona apunta que a solución está na elaboración dun plan de protección de medioambiental e da flora e fauna con medidas para a súa conservación, restauración e posta en valor.
Por último, a candidata do BNG nas vindeiras eleccións municipais en Gondomar, Manuela Rodríguez, lembra a pasividade da Xunta de Galiza e o goberno municipal. “As dúas administracións non están facendo o que comprometeron a respecto da depuradora e o BNG comprométese a pór solución a este problema. Temos que rematar coa contaminación do Foz do Miñor” salienta Manuela Rodríguez.