Municipais 2023

BNG aposta pola humanización e a mellora da seguranza viaria en Fene

Fene
Fene

Néstor Rego avanza o compromiso da frente nacionalista co proxecto do ascensor e a pasarela elevada, elixida por Fene, para o paso indebido sobre as vías do tren en Perlío e que sexa o Goberno do Estado quen financie as obras

O deputado do BNG comprométese a seguir traballando no Congreso para conseguir o desbloqueo deste proxecto e destaca a capacidade do equipo do BNG de Fene para continuar a transformar, en positivo, o concello

O Bloque Nacionalista Galego defende os proxectos de humanización, así como a mellora da seguranza viaria, no Concello de Fene e comprométese a seguir traballando para que as institucións encargadas –o Ministerio de Transportes e ADIF- as leven a cabo. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprométese a seguir traballando na cámara baixa en coordinación co Concello de Fene para garantir que estas actuacións se fagan canto antes a garantido o financiamento das obras por parte do MITMA e ADIF. Alén do máis, o deputado do BNG pon en valor o traballo realizado pola frente nacionalista, liderada por Juventino Trigo, no Concello de Fene.

“O paso da vía do tren debe facerse con seguranza. O Concello xa negociou o proxecto con ADIF mais debe garantirse que sexa a empresa ferroviaria quen asuma o cargo económico, independentemente de que o Concello asuma unha pequena parte. Mais, sobre todo, garantido que ese proxecto se leve a cabo o antes posíbel e asegurar que ese paso se fai pola seguranza de toda veciñanza” afirma Néstor Rego.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso lembra o rexistro de emendas nos sucesivos proxectos de Orzamentos do Estado para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realizase actuación nesta estrada. “Defendemos o proxecto de humanización dos tramos urbanos da N-651 para mellorar a seguranza viaria da única vía de comunicación da comarca de Ferrolterra co exterior. Mesmo para a rotonda deste punto de Fene, en Santa Ana, e beirarrúas até o cruzamento coa AC-115” destaca Rego.

Infelizmente, continúa Néstor Rego, os partidos que forman parte do Goberno do Estado rexeitaron en numerosas ocasións estas iniciativas. “PSOE e UP deberán explicar á veciñanza do Concello de Fene por que votaron en contra deste proxecto de humanización e mellora da seguranza viaria, sendo este un compromiso do Partido Socialista para esta lexislatura” asevera.

Alén do máis, o deputado nacionalista comprométese a seguir traballando para que o MITMA leve a cabo esta actuación e sinala a necesidade de que o BNG conte con máis representación no Congreso “para condicionar con máis peso e influencia as políticas que leva a cabo o Goberno do Estado e defender con máis forza os intereses dos galegos e galegas”. En opinión do deputado nacionalista, engade, tamén se precisa “un goberno municipal en Fene onde o BNG teña máis representación para poder levar a cabo o proxecto de transformación en positivo que o concello merece”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG