BNG celebrou en Muras unhas xornadas monográficas sobre o sector enerxético para falar das alternativas de futuro que precisa Galiza e que pasan polo desenvolvemento dun modelo xusto, galego e sustentable, cun novo modelo eólico alternativo aos problemas sociais, ambientais e económicos que xera o actual “modelo depredador do PP”, a aposta decidida polas comunidades enerxéticas locais como vía de democratización da enerxía e a posta en marcha de iniciativas innovadoras como o almacenamento enerxético.
A apertura da xornada correu a cargo do alcalde de Muras, Manuel Requeixo, que puxo en valor o esforzo do goberno nacionalista para que a veciñanza poida ter un retorno da riqueza que xera a enerxía eólica en Muras, logo de incidir en que o actual modelo fai que o retorno sexa insuficiente, polo que avogou por un novo que habilite mecanismos de participación pública que reverta tamén nos concellos.
Pola súa banda, a portavoz parlamentaria de Enerxía, Noa Presas, advertiu de que o mundo e Galiza están nun momento de cambios importantes no ámbito enerxético e subliñou que “non podemos permitir que ese modelo sexa deseñado por e para o lobby enerxético e cun enfoque centralista que mantén a Galiza como produtora de enerxía asumindo importantes custos ambientais, económicos e sociais, sen que a cambio teñamos beneficios”.
A primeira palestra correu a cargo de Xavier Simón Fernández, profesor de Economía aplicada na Universidade de Vigo, e que interveu en nome do Observatorio Eólico de Galiza (OEGA), ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta sobre a enerxía eólica que está a facer un labor pioneiro de investigación sobre o sector e un traballo social fundamental en materia de asesoramento a municipios, comunidades de montes e colectivos afectados.
Simón centrouse nas alternativas para mudar os problemas económicos, sociais e ambientais do modelo eólico actual para, a continuación, deixar paso a Xosé Manuel Golpe Acuña, consultor enerxético que abordou as alternativas para a democratización da enerxía, fundamentalmente as comunidades enerxéticas locais, achegando perspectivas e experiencias para o seu impulso.
Para o BNG resulta fundamental explorar e impulsar esta alternativa como medio para que a subministración de enerxía teña a concepción de servizo público e como vía para producir a pequena escala, abaratar os prezos e fomentar o autoconsumo. Neste sentido, as comunidades locais buscan impulsar obxectivos como o fomento da cultura enerxética entre as e os cidadáns, con formación en materia de uso eficiente e aforro enerxético; a loita contra a pobreza enerxética asegurando o acceso á enerxía dos colectivos máis desfavorecidos; a creación de emprego local en materia enerxética ou o impulso da sustentabilidade enerxética do municipio mediante a promoción e a combinación de diversas fontes de enerxía renovable con orixe autóctona.
Finalmente, a última intervención xirou arredor das alternativas de investigación e innovación polas que debe apostar Galiza para situarse á vangarda e aumentar o valor engadido da produción enerxética. Para isto, Quico da Silva, que forma parte do Colectivo de Debate Enerxético Bidán, abordou os retos e potencialidades para o almacenamento enerxético recordando que nun contexto de expansión das enerxías renovábeis resulta transcendental que se investiguen as alternativas de almacenamento como mecanismo complementario para garantir o subministro eléctrico nos momentos de falta de recursos renovábeis como o vento ou a auga.
Neste sentido, o BNG xa ten presentadas emendas, tanto aos Orzamentos do Estado como aos da Xunta, e iniciativas no Congreso e no Parlamento para a construción nas Pontes dun Centro para a Competitividade e a I+D+i en Almacenamento de Enerxía. En definitiva, e como concluíu a deputada Noa Presas, “propostas para un modelo enerxético que sexa xusto, que sexa galego e que sexa sostible”.