O BNG apoiou no Congreso a demanda do pobo catalán a manifestarse nas urnas sobre o seu futuro

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, manifestaron no pleno monográfico do Congreso o respaldo do BNG á lexítima demanda do pobo catalá de celebrar un referendo e poder decidir libremente o futuro da súa nación.

A Cámara Baixa celebrou unha sesión plenaria especial para debater e votar a proposición de lei do Parlament catalán de delegación na Generalitat da competencia para autorizar, convocar e celebrar un referendo sobre o futuro político de Catalunya.

A portavoz do BNG fixo unha breve intervención para deixar claro o rotundo apoio do BNG ás lexítimas aspiracións do pobo catalán. “Negar a realidade por moito que se insista nelo, non fai que desapareza”, dixo dirixíndose ás bancadas do PP e do PSOE.

Davila afirmou que o “feito nacional que representan Galiza, Euskadi e Catalunya son un exemplo porque constitúen unha nación, unha realidade que se manifesta permanentemente, e a súa negación só leva a reafirmar o sentimento de identidade como así o expresa o pobo catalán”.

“Non obstaculicen o dereito a manifestarse nas urnas”

A deputada do BNG demandou respecto para unha proposta de lei que que reflexa a vontade da sociedade catalá de decidir sobre o seu futuro. “É unha proposta democrática que conta co apoio maioritario dos representantes do Parlament. Unha proposta democrática que debería ter nestas Cortes Xerais unha resposta democrática”.

A portavoz do BNG dirixiuse ao PP para advertirlle que “non sigan escudándose no argumento de que o proceso non está amparado pola lei, porque quedou demostrado que depende de quen a interprete, e as leis non son inmutábeis, poden ser modificadas para adaptalas á realidade e á evolución dos tempos onde se deben aplicar.

Teñan presente que os tempos actuais non son os tempos de hai corenta anos”.

Reprochou ao PP e ao PSOE que “veñan dicer que están dispostos a un diálogo democrático e ao recoñecemento das singularidades, pero deixando claro que o que se acorde debe estar suxeito ao que vostedes queren”. Finalizou exhortando ao bipartidismo a “non obstaculizar o dereito a manifestar con liberdade as diferenzas nas urnas, non teñan medo a aceitar o que outros, através do seu voto, desexan para o seu futuro”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG