O Bloque Nacionalista Galego decidiu sumarse aos actos e mostrar o seu apoio ao Comité Galego da ILP “Regularización Xa", que promove un acto público o vindeiro sábado 19 de febreiro ás 12 horas en Compostela, para dar lanzamento á campaña en favor do acceso a dereitos das persoas migrantes en situación actual de irregularidade administrativa.
O acto terá lugar na Praza de Cervantes e incluirá o inicio da recollida de sinaturas e un concerto-recital coa intervención de diferentes artistas do noso país, sob o lema: 500.000 SINATURAS PARA 500.000 PERSOAS.
O lema recolle o obxectivo da Iniciativa: conseguir medio millón de sinaturas no conxunto do Estado Español para que o Congreso tramite esta Iniciativa Lexislativa Popular para o acceso a dereitos básicos do aproximadamente medio millón de persoas en situación de irregularidade administrativa e na máxima situación de exclusión legal e social que residen no Estado Español neste momento.