A deputada do BNG pola Coruña, Mercedes Queixas, acompañada de cargos institucionais e membros do BNG de Betanzos e comarca, visitou diversos establecementos comerciais para presentar a campaña Mellor local, mellor galego animando á cidadanía a mercar produto galego e no comercio de proximidade.
A nacionalista afirmou que con esta opción de compra local “contribuímos a reactivar a economía dun sector que xera miles de postos de traballo e ten un efecto dinamizador nas vilas e cidades. Na última crise financeira, dixo, o sector perdeu 3.500 comercios en Galiza, supón o 13% do emprego e o 14% do PIB.
O comercio local ofrece calidade, trato personalizado e un produto coidado e diferente
O BNG anima a comprar produto producido aquí e vendido no comercio local todo o ano, pero especialmente nestas datas e nestes tempos de pandemia, queremos facer un chamamento a consumir produto galego e facelo no comercio local, “apostar polo noso, optando por comprar nos mercados, feiras e prazas de abastos, na tenda de barrio, nesa de toda a vida”, recalcou a deputada do BNG.
Aínda no contexto COVID, estamos nuns días nos que o consumo medra porque é momento de agasallos, de comidas coa familia, -aínda dentro das limitacións-, e o BNG convida a apostar por poñer na mesa os produtos do país, produtos de calidade extraordinaria, do mar e da terra, ou agasallar botando man da gran creatividade da artesanía, xoguetes, música, literatura, cine, moda, etc.
“Apostemos pola sustentabilidade, polo próximo, polo local porque tamén é a mellor maneira de contribuír e apoiar neste momento de crise a un comercio de gran calidade”, concluíu Queixas.