O BNG avaliará e estudará a proposta da Xunta sobre o galego que lle trasladou o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, se ben amosa a súa preocupación por que non se inclúa “a necesaria modificación” do decreto da vergoña, o denominado decreto do plurilingüismo, que todas as institucións científicas, académicas e estatutarias teñen demostrado que é unha das razóns principais do retroceso do galego e do avance do monolingüísmo en castelán.
Así o avanzou a portavoz parlamentaria de Lingua, Mercedes Queixas, quen subliñou que o Bloque entende como unha necesidade “mudar, modificar, derrogar ese auténtico decreto da vergoña que -recalcou- o tempo testemuñou que as voces que dicían que era unha mala vía para avanzar no coñecemento e uso do galego tiñan razón”.
“Para nós é fundamental intervir desde a escola e, de momento, non vemos que o Partido Popular teña unha liña de actuación ou faga unha proposta neste sentido”, advertiu xunto á tamén deputada Iria Taibo, que participou así mesmo na reunión co conselleiro de Lingua.
Queixas subliñou que a modificación do decreto “non é unha idea do BNG”, senón unha petición de institucións “como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega” e unha “demanda social”, tal e como se puido comprobar na recente e multitudinaria manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego.
A portavoz nacionalista de Lingua tamén considerou “insuficiente e inconcreta” a proposta de revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega trasladada polo Goberno do PP. “Falta por concretar que medidas do plan xeral aprobado en 2004 por unanimidade do Parlamento se van desenvolver de maneira inmediata, no curto prazo”, indicou logo de advertir que hai máis de 400 medidas, “na súa inmensa maioría sen desenvolver”, que se poden implantar “xa desde o minuto cero”.
Neste sentido, o BNG bota en falta un compromiso claro nos tempos de implantación ao longo da lexislatura dun plan xeral que, indicou, “ten que ser ambicioso e ten que estar verdadeiramente comprometido, con medidas de reforzo positivo para a nosa lingua”. “Seguimos aínda agardando por ese cronograma que é moi importante para darlle un cariz de compromiso, de credibilidade e de veracidade ao que son as palabras de ir avanzando cara a un pacto pola lingua”, sintetizou.
Por último, Queixas lamentou a ausencia dun “xesto significativo” do Goberno de Alfonso Rueda para ampliar o orzamento da Xunta de 2025 destinado á normalización lingüística, tal e como propón un Bloque que asistiu a esta segunda reunión convocada pola Xunta “cos deberes feitos”, afirmou, tras remitir previamente un documento coas súas propostas “para avanzar na normalización lingüística e reverter a situación de emerxencia que sofre o galego” e á que o Executivo non respondeu.
En todo caso, a formación nacionalista avaliará e valorará a proposta da Xunta e “seguirá sentándose a traballar para que este pacto coa lingua avance”, indicou Queixas, quen avanzou que o Bloque seguirá achegando propostas “para que o Goberno do Partido Popular mude a política lingüística que veu desenvolvendo nestes 15 anos” e que “aseguren ese futuro vivo para o galego para o que traballamos e nos comprometemos dende o BNG”, concluíu.