A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, acusou ao PP de empurrar ao sector marisqueiro a unha “situación terminal” e de levar anos traballando dende do Goberno da Xunta para “entregar o mar ás empresas de acuicultura ou, literalmente, de engorde de peixes”. “Primeiro levan a unha situación extrema ao sector, fan insostíbel a súa actividade, e logo, cando a auga chega ao pescozo das empresas da cadea, entréganlla directamente”, afirmou.
Nunha interpelación ao titular de Mar, Alfonso Villares Bermúdez, a deputada nacionalista advertiu que tanto o sector marisqueiro como as propias empresas consideran “deficiente e ineficiente” a xestión da extracción de bivalvos que fai o PP na Xunta, tal e como lle trasladaron ao propio conselleiro representantes da patronal nunha reunión da Comisión Mar Industria da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) celebrada no mes de xullo. “Sen cortarse un pelo tacharon a súa xestión, diante da súa propia cara, de deficiente e ineficiente”, asegurou Rosana Pérez.
A deputada nacionalista preguntou directamente ao conselleiro que vai facer para mellorar a súa xestión e pediulle que aclare se está do lado do sector marisqueiro ou das empresas “que se queren facer cos bancos marisqueiros”. “Vai vostede actuar para mellorar a xestión actual ou, directamente, vai culminar o plan de remate final do sector para levar a cabo un cambio de modelo da xestión do marisqueiro encuberto?”, cuestionou.
“Os orzamentos amosan claramente a quen ten decidido facer caso a Consellaría, e non é nin ao sector pesqueiro, marisqueiro e mexilloeiro nin ao BNG”, anticipou Rosana Pérez, quen asegurou no mesmo sentido que á vista deses presupostos a Xunta en mans do PP seguirá sen reaccionar para sacar o sector da crise na que se atopa. Denunciou, neste sentido, que o Plan de Competitividade e Sostibilidade 2024-25 para o Marisqueo, “publicitado pola Consellería dende decembro pasado para capear o temporal das eleccións de febreiro”, nin sequera existe no proxecto orzamentario. “Nin un euro para ese plan”, advertiu.
Nin decencia nin delicadeza
A interpelación do BNG chegou ao Parlamento logo do debate, na anterior sesión plenaria, da Iniciativa Lexislativa Popular asinada por máis de 18.000 galegos e galegas para pedir, entre outras cuestións, que a pesca, o marisqueo e a acuicultura fosen declaradas “a todos os efectos de interese xeral”, unha reivindicación que Rosana Pérez considerou “xusta e totalmente lóxica nun país altisimamente dependente da pesca como é o noso”.
É por iso que a deputada do Barbanza reprobou ao conselleiro a súa ausencia durante o debate da ILP. “Non tivo a decencia nin a delicadeza de estar presente, nin vostede nin ningún membro do Goberno galego, cando todo o sector reclamaba aquí que non deixen morrer o mar”, aseverou.