O deputado do BNG Oscar Insua acusou o PP de querer converter nun “paripé” a comisión de investigación sobre os “chanchullos” nos contratos da Xunta porque non quere que os galegos e as galegas coñezan a verdade sobre como se utilizaron os seus cartos para “encher os petos dos comisionistas” e favorecer a empresas amigas de altos cargos populares. O PP, dixo, “ autoinvestígase” e “autoincúlpase” cos seus vetos, utilizando o seu “rodete” para intentar baleirar de contido a comisión.
No primeiro día de comparecencias no órgano creado a petición dos 25 deputados e deputadas do BNG, Insua referiuse así aos vetos que o PP impuxo tanto no nome das persoas que acudirán a dar explicacións como no acceso á documentación solicitada para investigar os contratos menores da Xunta entre os anos 2009 e 2024, as adxudicacións de emerxencia da pandemia e o sobrecusto de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Vetos ás comparecencias, por exemplo, do ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, da súa irmá Micaela Núñez, responsable de Eulen en Galiza; do seu cuñado, Ignacio Cárdenas, director comercial de Universal Support; ou do compañeiro sentimental de Isabel Díaz Ayuso, Alberto González Amador, que actuou de comisionista dunha das empresas beneficiadas polos contratos do Goberno do PP.
“Non temos documentación para preguntar, non temos nada”
O deputado nacionalista denunciou que cos seus vetos e o abuso da maioría absoluta o PP está a vulnerar os dereitos dos deputados e das deputadas nacionalistas, que nin tan sequera puideron ter acceso á documentación solicitada antes de que se iniciase a ronda de comparecencias. “Non temos documentación para preguntar, non temos nada”, queixouse Insua, aludindo a unha sentencia do TC (12/2019) que avala o dereito dos deputados e deputadas a solicitar comparecentes e documentación nas comisións de investigación, porque forma parte do ius in officcium.
“É totalmente surrealista que nos neguen os contratos menores ou os contratos de emerxencia que son obxecto de investigación na comisión”, dixo, criticando as “présas” do PP, que “seguramente xa ten as conclusións escritas”, ironizou tras a intervención do primeiro comparecente, Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas.
Na mesma idea incidiu o deputado Luís Bará na súa intervención para dar réplica ao ex conselleiro e actual deputado popular, Julio García Comesaña, que foi acomodado “con calzador” nun calendario de comparecentes que é “rocambolesco” e unha “auténtica chapuza propia dunha república bananera” enmarcada no intento por “protexer a altos cargos do PP e as súas familias, que se forraron nun momento de crise sanitaria máxima”.
Bará destacou que foi precisamente a ocultación de información o que levou ao BNG a pedir a creación da comisión de investigación e aproveitou a comparecencia de Comesaña para volver reclamar toda a documentación sobre os expedientes de contratación da Xunta con Universal Support, con Sibucu ou con Mape Asesores.
“Por que ocultan esa documentación, que teñen que ocultar?”, preguntou Bará, que subliñou que Universal Support se beneficiou de contratos encadeados a dedo durante maio de 2020 e outubro de 2021 por valor de 15,3 millóns de euros, ou que Mape Asesores obtivo contratos por valor de 10,7 millóns de euros entre abril e xuño de 2020, “xusto no momento en que o señor Alberto González actuaba como mediador entre FCS Select e a empresa galega”. “Forrouse a conta desa situación de máxima emerxencia sanitaria cobrando unha comisión de 2 millóns de euros”, dixo en alusión ao compañeiro sentimental de Ayuso.
O deputado nacionalista destacou, por outra banda, a falta de transparencia respecto aos contratos con Eulen, a empresa que dirixe no País a irmá de Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de impedir “co seu dedo ditador dende Madrid” a comparecencia de Micaela Núñez no Parlamento galego. “Vostedes achantan e obedecen por que son servís e mansos”, reprochou aos deputados populares.
“Eulen merece unha peza á parte”, engadiu, para subliñar a continuación que esta empresa recibiu da Xunta 1.311 contratos a dedo por máis de 4,8 millóns de euros entre 2018 e 2023.
“Iremos tendo noticias nas próximas semanas”
Bará insistiu en que a ocultación de documentación é unha proba máis da “culpabilidade” do PP, ao que acusou de intentar converter a comisión de investigación nunha “comisión de autoexculpación e de autobombo” sobre a súa “voráxine privatizadora, drenando grandes cantidades de fondos públicos a empresas amigas”.
Porén, concluíu, o BNG non vai ceder no seu traballo e fará todo o que estea na súa man “dentro e fóra da comisión” para que os galegos e as galegas coñezan a verdade sobre os chanchullos do PP. Ademais, advertiu, “hai máis indicios e máis empresas que queren falar de todas estas trapalladas e iremos tendo noticias nas próximas semanas”.