O BNG acusa o Goberno galego de promocionar o viño Rioxa en Galiza

Tereixa Paz criticou a asistencia e xuramento da directora xeral da Axencia de Turismo, Nava Castro nun acto de “fidelidade e promoción” do viño da Rioxa

Tereixa Paz

A deputada do BNG, Tereixa Paz criticou hoxe ao Goberno, a través dunha pregunta parlamentaria, a “fidelidade” da Secretaria xeral para o Turismo do viño da Rioxa e a participación de altos cargos da Xunta nun acto para potenciar no mercado galego a súa venda.

A parlamentaria explicou que o pasado día 4 de febreiro, o Hostal do Reis Católicos acolleu a investidura de confrades de mérito da Confraría del Vino de Rioja e o Consello regulador en “recoñecemento da súa defensa do Rioxa” e contribución para que o viño da Rioja sega liderando as ventas en Galiza.

Para a deputada, resulta insólito o “xuramento” solemne da directora xeral da Axencia de Turismo que pousando a súa man sobre unha botella reiterou a súa “fidelidade ao viño da Rioxa”.

O Goberno galego promociona en Galiza o viño da Rioja

A deputada cualificou de “esperpéntico” que mentres en Galiza contamos con cinco denominacións de orixe e un sector vitivinícola que está a facer un “inxente esforzo” por vender as rutas turísticas do viño pero con graves problemas de comercialización no mercado interior, altos cargos da Xunta participen, de forma activa, nun acto cuxa finalidade foi “potenciar o mercado galego paras os viños da Rioxa en Galiza ”.

Pola súa parte, a titular de Turismo xustificou a súa asistencia ao acto e xuramento como mostra de “maior entendemento entre ambas rexións” e afirmou que o nomeamento responde a “un recoñecemento a Galiza”.

A nacionalista replicou que o único que transcendeu dese “rancio acto” foi o seu xuramento de “lealdade aos viños da Rioxa” poñendo en valor ese produto. Non nos parece “digno”, dixo, que os membros do Goberno galego participen na exaltación de produtos foráneos cando en Galiza non se promocionan os produtos autóctonos suficientemente.

Tereixa Paz

Sobre as confrarías, a deputada respectou que elixan aos confrades pero reiterou que a presenza da directora xeral de Turismo foi máis alá por terse convertido publicamente en “valedora” do viño da Rioxa, importante competencia no mercado cos viños galegos.

Tereixa Paz pediu unha desculpa de Nava Castro ao sector do viño galego e non incorrer en novas actuacións que prexudiquen os intereses comerciais do sector vitícola do noso país.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG