parlamento galego

BNG acusa ao Goberno do PP de non facer nada para garantirlles aos gandeiros e gandeiras un prezo do leite xusto

Sonia Vidal Lamas
Sonia Vidal Lamas
“A día de hoxe non existe en Galiza ningún informe público que permita aplicar sancións cando os prezos do leite están por debaixo dos custos”

A deputada Sonia Vidal acusou ao Goberno do PP de non facer nada para garantirlles aos gandeiros e gandeiras un prezo do leite xusto ao votar en contra da iniciativa do BNG para mellorar a situación do sector e na que pedía un informe público que permita aplicar sancións cando os prezos están por debaixo dos custos de produción.

Vidal Lamas reclamou medidas para garantir a lei da cadea alimentaria mediante ferramentas eficaces e “non maquilladas con palabrería bonita que nin sequera garanta un contrato xusto para as labregas e para que non se repartan o pastel entre industria e distribución como e actualmente”.

“Cal é o prezo de custe segundo vostedes para poder aplicar esas sancións?” inquiriu, para criticar que os informes do Observatorio lácteo non se fagan públicos despois de dous anos desde a súa creación.

Lamas advertiu que “tampouco funciona a ferramenta da conta láctea” creada para que as explotacións de vacún de leite calculen os seus custos de produción e axudar a mellorar así a súa profesionalización e viabilidade, para deslizar que foi privatizada “a través da Fundación Juana de Vega con total escurantismo” á hora de informar sobre o seu custo e criticou a falta de comunicación co sector “ao que só se lles mandou un correo onde se lle di que metan aquí uns datos”.  “Os datos están metidos pero onde están os informes?”, preguntou.

Sinalou que tampouco funcionan as medidas de regulación dos contratos entre a industria e os produtores que obrigan a asinar dito contrato antes da entrega, porque “se aparece a industria a darche un contrato a firmar onde exclúe esa cláusula e ti tes 5000 litros no deposito para entregar, que fas?,  bébelo e dislle que non o aceptas?” preguntou, para sinalar ademais que moitos contratos non chegan ao ano, mesmo os hai por catro meses.

A deputada subliñou a necesidade de “impulsar o I+D+i con un plan estratéxico eficaz para o desenvolvemento da transformación tan importante neste pais”. Galiza segue a ser “o piar que sustenta o sector leiteiro estatal”, producindo catro de cada dez litros, un 41% do total pero que “ten os prezos máis baixos de Europa e onde hai granxas que están vendendo “por debaixo do custo de produción e outras cunha marxe mínima”, advertiu, polo que se precisan “solucións urxentes para garantir a viabilidade do sector.”

“O leite non e auga e se temos unha calidade e unha situación diferenciada hai que pagala”, afirmou, para recriminarlle á consellería que “non é suficiente con dicir que é inxusto nin son suficientes as medidas que se din que se están a levar a cabo” xa que non responden á problemática dun sector que “non logra cubrir custos de produción  á subida dos prezos de pensos, combustibles, electricidade ou a alimentación”, onde a escaseza de terreo non axuda a paliar a súa situación problemática. É por iso que “precisamos de accións inmediatas para cubrir esa escaseza de terra mediante a mobilización de superficie agraria”, e non cubrir así o solo produtivo “con eólicos, extracción mineira, eucaliptos ou pinos”.

A deputada  nacionalista advertiu ademais que a estes problemas aos que se enfronta o sector produtor de leite,  hai que sumarlle a falta de relevo xeracional, a volatilidade e dos prezos ou a “falta de transparencia” na formación dos mesmos.

Na iniciativa, o BNG pedía tamén revisar con urxencia a estratexia de dinamización do sector contemplada para o período 20-25.

Por outra banda, na súa réplica, Vidal Lamas reclamoulle ao Executivo de Rueda  que pague “en tempo e forma” as axudas da PAC e  non esperen ao último día”, lembrando que este ano se cobraron o pasado 29 de xuño.

Animou ao PP a “pisar o territorio” porque “non vale de nada ir a granxas de mil vacas e facer unhas declaracións que teñen tela”, nas que anima aos e as gandeiras ao gandeiros a ter ese tipo de explotacións ou marchar a Alemaña.

A preguntas dos compañeiros da sala, que lle preguntaron “que é o leite”, Vidal contestou que “o leite é na maior parte esforzo, constancia, decisións e 365 días de traballo”, sentenciou.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG