BNG vén de achegar distintas melloras ao texto da ponencia sobre a proposición de lei de recuperación da terra agraria presentado hoxe na comisión parlamentaria de Agricultura, texto sobre o que a fronte nacionalista se abstivo pola enorme “desconfianza, desconfianza e desconfianza” que xera sobre a súa posible aplicación en favor da forestación masiva, segundo recalcou o portavoz de Agricultura, Mini Rivas.
Rivas advertiu primeiramente sobre a sospeitosa ambigüidade da norma á hora de definir os diferentes usos da terra, “meténdoas todas nun gran saco que é o agroforestal” e empregando, contadas veces, o termo “agropecuario”, pero “coidándose en todo momento no articulado de especificar que significan o mesmo”.
“Esta linguaxe confusa, que impregna todo o texto legal, vai producir problemas de entendemento”, ironizou, para explicar a continuación que “unha cousa é o agrícola e o agropecuario e, outra, o forestal e as nosas emendas seguen mantendo a intención de clarificar esta cuestión absolutamente esencial”.
Do mesmo xeito, o portavoz nacionalista de Agricultura alertou sobre algúns aspectos do articulado desta proposición de lei que agochan unha reforma da Lei de Montes, “suprimindo e reformando aqueles artigos e apartados que son garantes da terra agropecuaria fronte aos desexos forestalistas, nomeadamente do eucalipto” e afirmou que nesta intención reformista da Lei de Montes hai tamén “unha amnistía velada ás terras agrarias forestadas ilegalmente”.
Neste sentido, cuestionou que “se a prioridade do ‘agrogandeiro’ é unha realidade para o PP, díganme por que ningunha das máis de 100 emendas que se fixeron a si mesmos, fala disto” e reiterou as dúbidas sobre esta lei de recuperación das terras agrarias, cuxas intencións non están claras, “senón que están tan escuras que levantan sospeita”.
Rivas recordou a proposta nacionalista que pasa por que “as terras de uso forestal teñen que estar ordenadas e xestionadas, dedicando parte da superficie a producir madeira de calidade e con diversas aplicacións”. “Esta é a contraoferta que se lle fixo dende o BNG e que non foi contestada ata o de agora”, afeou.
Por todo isto, e se ben considerou imprescindible esta lei “se non queremos que o rural non se converta nun deserto verde oliva que chame todos os anos pola praga bíblica do lume”, o deputado nacionalista urxiu a clarificar os obxectivos da norma legal e a apostar pola protección do sector agrario “con maiúsculas”.
“É básico que quede claro como a auga cales son as intencións desta lei, as súas prioridades”, exixiu logo de lembrar que este foi o empeño do BNG dende o primeiro debate sobre o texto inicial. “Estas son as nosas liñas vermellas, porque precisamente nelas radica a confrontación de modelos”, afirmou, para concluír a continuación “e para nós todo o que se poida sacar dos sectores primarios pasa polo agropecuario”.