O BNG vén de acadar a unanimidade do Parlamento galego para instar á Xunta a solucionar os problemas que afectan á comunidade educativa do Conservatorio Superior de Música da Coruña e, en consecuencia, a realizar as obras necesarias para garantir a correcta ventilación e seguridade do centro.
Nunha iniciativa presentada pola deputada Mercedes Queixas e defendida polo deputado Manuel Lourenzo, o BNG recordou os “importantes problemas” que provocou o deseño do centro na comunidade educativa dende a súa inauguración en 2003 e que veñen motivados fundamentalmente polas fiestras do edificio que, dado o seu reducido tamaño, provocan unha falta de ventilación que dificulta enormemente o normal desenvolvemento da vida académica.
Lourenzo advertiu que se esta circunstancia condiciona o uso habitual do edificio, moito máis o fai nunha situación epidemiolóxica coma a que estamos a padecer, xa que, segundo recalcou, “convértese nun risco evidente e inadmisíbel para profesorado e alumnado”. Neste sentido, o deputado nacionalista recriminou ao Goberno galego que desoíra as reiteradas reclamacións da dirección do centro, tanto á inspección educativa como á Unidade Técnico, poñéndoas en aviso do risco que esta realidade supón para a comunidade educativa.
“A ninguén se nos escapa que esta situación foi denunciada polo centro e trasladada a distintas instancias da Administración galega sen que se adoptase ningún tipo de solución”, recalcou, para a continuación afear á Xunta que xusto comezara a dar pasos neste sentido coincidindo coa iniciativa do BNG na Cámara galega.
O portavoz nacionalista de Educación aludiu ao recente acordo do Parlamento para dar resposta a un problema de idénticas características no conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, polo que concluíu que “non sería razoable que non alcanzaramos o mesmo acordo no da Coruña”.
“Estamos pedindo que a comunidade educativa poida desenvolver a súa actividade sen riscos para a súa saúde”, insistiu, logo de subliñar a importancia de realizar as obras que permitan garantir unha correcta ventilación nas instalacións do centro. Logo da súa argumentación, a proposición non de lei do Bloque foi secundada polo resto de forzas parlamentarias.