Parlamento Galego

BNG acada un novo acordo para defender o sector pesqueiro galego nas negociacións da UE sobre os TACS e cotas para 2025

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez advirte que a viabilidade dunha parte do sector, sobre todo das artes menores, está en risco polos recortes nas principais especies

O BNG vén de acadar o apoio da maioría do Parlamento a unha iniciativa para defender o sector pesqueiro galego nas negociacións da Unión Europea sobre os TACs (total admisible de capturas) y cotas para o vindeiro ano, pendentes da decisión final no Consello de Ministros de Pesca que se vai celebrar en decembro.

“As expectativas non se presentan  en xeral favorábeis”, advertiu a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, durante a defensa proposición non de lei aprobada para reclamar ao Goberno do Estado, entre outras cuestións, que faga valer ante a Unión Europa a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (11 de xaneiro) na que recoñece nitidamente a importancia de atender as cuestións sociais e económicas e non só as medioambientais á hora de fixar as cotas das diferentes especies porque o contrario contribuiría á paralización da frota.

Agás no caso do peixe sapo e o rapante, que poderían ter un aumento de cota, as perspectivas volven ser “moi preocupantes”  para a frota galega e poderían supoñer “o empurrón definitivo para comprometer seriamente o futuro de amplas capas do sector e, no caso de Galiza, tamén a economía do País”, apunta Rosana Pérez na súa iniciativa, na que se reclama ao Goberno do Estado que vete calquera redución de cotas que non vaia na liña da sentenza do TXUE ou que afecta á viabilidade da frota galega, nomeadamente á de baixura. Nin os gobernos do PP nin os do PSOE traballaron até o de agora o suficiente para facer valer na UE o peso da frota galega, advertiu.

A deputada nacionalista incidiu no “auténtico drama” que está a vivir especialmente a frota do cerco, pero non só, polos recortes nas cotas deste ano, aos que se suma o “abandono obsceno” da Administración co impago das axudas polo paro biolóxico do 2023.  Sobre este punto, a iniciativa reclama ao Ministerio de Pesca que avance nas medidas de cobertura económica da frota que se vexa afectada pola posíbel redución de cotas e que resolva e pague as eventuais axudas por paros biolóxicos nun prazo non superior a tres meses dende a súa convocatoria.

Á espera da reunión de decembro, o pasado 31 de outubro, a Comisión Europea xa fixo as súas propostas que, no caso do xurelo sur, na zona IXa (de Fisterra ao Golfo de Cádiz) propón un aumento do 5 %. Porén, alertou a deputada do Barbanza, hai que ter en conta que o ICES recomendou recortalo un 66 % e que no 2023 a suxestión científica foi a que prevaleceu. 

No caso do xurelo na zona VIIIc, de Fisterra para o norte, o ICES aconsella pasar da cota cero dos dous últimos anos a 75.545 Tn., máis neste caso faltan as negociacións da UE con outros países do Atlántico cos que comparte xestión, ao igual que no caso do lirio, onde a recomendación do ICES é dunha rebaixa do 5,4 %, explicou Rosana Pérez.

Para o bocarte, a redución “é brutal”, continuou, e no caso da xarda “xa son varios anos nos que as Illas Feroe e Noruega, que pacta co Reino Unido, veñen asignándose cotas unilateralmente sen que a UE teña actuado para impedilo. Segundo o ICES, a autoasignación vén reducindo sensiblemente o recurso e, para 2025, propón rebaixar a cota un 22 %.

Fronte a esta situación, a proposición non de lei do BNG aprobada na Comisión de Pesca, avoga por que a UE tome medidas para impedir a entrada no mercado europeo de xarda procedente de países que se asignan cotas unilateralmente.

Rosana Pérez enumerou outros recortes previstos, como o do abadexo (36 %), linguado (35%) ou sardiña, sobre a que o IEO xa advertiu que as campañas científicas levadas a cabo xunto co IPMA portugués aprecian unha importante diminución da biomasa, o que podería provocar novos recortes do tope.

Outro dos puntos da iniciativa apoiada por unanimidade é que demandar o Ministerio unha xestión interna das cotas que evite a distorsión que se dá na actualidade entre as distintas zonas do Estado e que non sexa causa da especulación das posibilidades de pesca e da discriminación que se vén producindo ata o de agora.

O Parlamento tamén insta á Xunta a elaborar, en previsión de novos paros para 2025 por escaseza de cotas, o seu propio plan de axudas económicas para a frota galega, como complemento ás do Goberno do Estado. Ademais, á Xunta pídeselle que achegue ao Goberno do Estado os estudos dos que dispoña e que poidan contribuír a determinar a situación dos stocks “para un establecemento acordo dos TAC en cada caso e que permitan a planificación do sector e a súa viabilidade”.

Instar ao Goberno do Estado e á Unión Europea a iniciar o procedemento que leve a unha profunda reforma da PPCV que evite a desaparición da frota galega é o último punto da proposta acordada a iniciativa do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG