No debate da proposición non de lei defendida hoxe polo deputado, Xosé Luís Rivas, para recuperar o Parque do Pasatempo de Betanzos e axilizar o expediente para declaralo Ben de Interese Cultural, todas as forzas políticas amosaron a súa intención de apoiar a proposta do BNG. o
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, María Antón Vila Sánchez anunciou o apoio ao acordo co compromiso para a rehabilitación do pasatempo en colaboración coas distintas administracións así como axilizar o expediente a declaración BIC “reducindo na medida do posible os prazos de tramitación”:
O deputado asegurou que o pasatempo betanceiro, herdanza dos irmáns García Naveira, resulta unha enciclopedia da época , deseñado a xeito de parque, onde o visitante non ten máis remedio que desfacerse en preguntas e por qués sobre a cultura universal dentro dunha sociedade (finais do século XIX e primeiro terzo do XX), pechada e dominada pola relixión que colaboraba na explotación mantendo a ignorancia e a submisión como principio universal.
Este lugar, dixo, é memoria viva dunha etapa da historia deste noso País, oculta para as xeracións presentes e que forma parte do Patrimonio betanceiro e tamén de todas as galegas e galegos, “un patrimonio cultural común imprescindible”, manifestou.
O Pasatempo sufriu ao longo dos anos múltiples mutilacións e deterioro e na actualidade atópase nunha grave situación tralo derrube do mural do estanque ou actuacións erráticas sobre o mural do barco de vapor no estanque do retiro aos que, o parlamentario sumou as ameazas sobre o muro dos azulexos, o templete, o pavimento da illa e diversas fendas estruturais na gruta da recoleta, posiblemente como consecuencia da presión que exerce a pasarela de ferro sobre ela. Ademais o deputado tamén alertou das consecuencias polas vibracións producidas polo tránsito rodado na nova estrada que ameaza a mellor parte conservada do Parque.
Rivas criticou a falta de interese do actual propietario do parque, o concello de Betanzos, responsabilidade que estendeu as administracións competentes en materia de Patrimonio. O Concello, dixo o deputado presentou un anteproxecto de actuacións asinado por varios arquitectos e expertos en patrimonio xa no ano 2016, que urxía actuar sobre problemas de filtracións, humidades, fendas e outras ameazas directas para a conservación do parque, como a estrada de circunvalación que discorre pegada a el, ou a pasarela de ferro que descansa sobre o muro que parcialmente se veu abaixo.
“O proxecto taxaba en torno a 1,3 millóns de euros a rehabilitación do Pasatempo. Desa contía, a Deputación da Coruña comprometeu o pasado 23 de marzo, 598.998,40 euros que se destinarán ás obras de rehabilitación e o pasado 25 de setembro o Concello de Betanzos aprobou destinar 200.000 euros do remanente do anterior exercicio a estes mesmos traballos”.
“Non valen desculpas. O parque non soporta máis desatinos que ocasionan deterioros irreparables” afirmou o nacionalista que volveu reclamar para o pasatempo a súa rehabilitación e declaración como Ben de Interese Cultural.
A proposición non de lei defendida polo BNG será votada mañá no pleno do Parlamento galego.