BNG acada un acordo unánime para impulsar un protocolo contra as agresións e abusos sexuais nos lugares de ocio nocturno

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil advirte do aumento das denuncias por violencia sexual en Galiza e urxe  á divulgación do protocolo co fin de dar  seguridade e protección  ás mulleres ante calquera ataque sexual

O BNG acadou un acordo “unánime”  para  elaborar un protocolo de prevención e intervención contra as agresións e abusos sexuais no ocio nocturno.

Na defensa da proposta,  a deputada do BNG, Olalla Rodil lembrou  o acontecido no fin de ano de 2022 nun local nocturno de Barcelona. Unha  violación, dixo,  aínda por xulgar,  cometida presuntamente polo futbolista Dani Alves nunha discoteca na que, afortunadamente, “todo o persoal ,desde o que traballa na barra até o persoal de seguridade,  recibira formación e información en materia de violencia machista”.

Concretamente, insistiu Rodil,  coñecían a existencia dun protocolo posto en marcha pola patronal do ocio nocturno xunto co concello de Barcelona e a Generalitat de Catalunya, centrado nas violencias sexuais que se poden producir nestes locais.

“Un protocolo moi completo que garante a protección das mulleres agredidas, con ferramentas para que o persoal saiba como actuar, garantir o acceso das mulleres aos recursos de apoio e acompañamento así como  favorecer, especialmente, o labor de investigación policial en caso de denuncia”. 

A verdade é que despois de facerse público o caso, dixo a nacionalista,  puidemos constatar como  a Delegación do Goberno español en Galiza tivo “máis ansia” por saír na prensa cun titular  que por aproveitar o debate social xerado polo devandito caso e  traballar con rigor na loita contra as violencias machistas nos establecementos de ocio nocturno, pasando mesmo  por riba da hostalaría e da propia Xunta con competencias neste ámbito.

Na actualidade, explicou a deputada, “o Goberno español conta só cunha  Guía violeta” que non aborda de maneira específica o ocio nocturno nin supón protocolo de ningún tipo e sen medidas concretas ao ser exclusivamente unha  guía de carácter xeral.

Pola contra, a raíz deste caso, desde o BNG impulsamos esta proposición non de lei  co obxectivo de que, situacións coma esta ou outras que acontecen  no noso país e poden seguir acontecendo, sexan abordadas con todas as garantías e coas ferramentas necesarias para: “blindar os dereitos das mulleres agredidas. A súa atención, acompañamento e protección e  formar e informar todo o persoal dun sector, que polas súas características rexistra moitas das agresións sexuais que se producen en Galiza”.

Aumentan as denuncias por violencia sexual en Galiza

Neste sentido, a parlamentaria  sinalou que na actualidade, segundo os datos da enquisa realizada no 2021 pola Xunta,  a respecto do 2020,  aumentaron as denuncias por violencia sexual: delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, + 29%, agresións sexuais con penetración, +32% e resto de delitos sexuais, +25%. Un incremento relacionado con que “denunciamos máis e toleramos menos”.

Cos datos do Ministerio do Interior, producíronse en Galiza durante o ano 2021, 707 delitos sexuais e en España unha violación cada catro horas

Intervencións de respecto e legalidade

Por outra parte, afirmou que  en calquera  intervención debe primar o “respecto  absoluto” ás decisións da persoa agredida, a imparcialidade para aplicar o protocolo sen discriminación,  cumprir a legalidade e seguridade xurídica, claridade sobre o que ten que facer cada quen e en cada momento así como actuar nas diferentes situacións que se poidan producir.

Tras a intervención da portavoz popular, Rosalía López Sánchez que propuxo unha emenda ao texto nacionalista, finalmente a deputada do  BNG propuxo  unha transacción para acadar un acordo por unanimidade baixo os seguintes puntos:

O Parlamento insta á Xunta de Galiza a:

  1. Abrir un proceso de diálogo con representantes do ocio nocturno, no marco do Observatorio galego da violencia de xénero, para impulsar a elaboración, aprobación e aplicación dun protocolo de prevención e intervención fronte agresións sexuais. O protocolo deberá incluír, entre outras, actuacións en todos os ámbitos (incluídos o sanitario e o policial) así como: formación e información específica dirixida ao persoal dos estabelecementos.
  2. Publicar o protocolo e todo o material ligado a el (sinaléctica, fluxogramas, anexos) a través do portal Web da Xunta de Galiza, para garantir a súa difusión entre os estabelecementos e calquera persoa que a título individual o queira coñecer.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG