A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez defendeu unha proposición non de lei en comisión para demandar do Estado a oferta de prazas nos cursos de mantemento e obtención do certificado de “competencia” para os traballadores do mar compatibles coa continuidade da actividade laboral. A proposta do BNG acadou o apoio de todos os grupos parlamentarios na comisión de pesca, celebrada no Parlamento galego.
Tras aludir a outra iniciativa aprobada na mesma comisión hai seis meses para reclamar os cursos obrigatorios para saír ao mar e a súa gratuidade pola escaseza dos cursos do ISM que obrigaba aos traballadores a acudir a centros privados, Rosana Pérez insistiu en que esta situación provoca que algúns traballadores do mar teñan que cesar a súa actividade laboral. Pola súa parte,a deputada popular, María Elena Suárez Sarmiento, culpabilizou ao goberno do Estado de non tramitar a revalidación e impartición dos cursos, a pesar das xestións realizadas pola Consellería do Mar.
A deputada nacionalista replicou que a marxe das accións do goberno galego, o ISM “debe ter en conta os acordos parlamentarios” e acusou ao Instituto Social da Mariña de “abandono de funcións” no últimos anos cos traballadores do mar. Rosana Pérez cualificou de “reprobable” a actuación do ISM e insistiu en que si a Xunta de Galiza está investindo case o dobre que en anos anteriores para a formación, debe “reclamar xa as competencias”.
Os traballadores do mar, recalcou a deputada do BNG, precisan do “certificado” para poder traballar e non resulta “lóxico” que despois de seis meses, teñamos que escoitar a escusa de falta de profesionais para impartir os cursos. Rosana Pérez reiterou que a “falta dese certificado” obriga aos traballadores do mar a “quedar na súa casa”. A administración estatal competente neste tema debe actuar sen dilación e dar “unha saída rápida e áxil” a un problema que segue medrando, engadiu.
O propio sector pesqueiro, lembrou Rosana Pérez alertou dunha posible parada de barcos ante a falta de tripulación por carecer do certificado e a súa renovación e o Instituto Social da Mariña, coñecedor desta circunstancia “no aumentou o número de prazas nin o número de cursos para atender a demanda”. Dende o mes de abril, remarcou, a situación non mellorou, máis ben “empeorou” polo que volveu a agradecer o apoio dos grupos parlamentarios á iniciativa nacionalista para demandar do Estado a oferta de prazas que garantan os cursos de competencia para os traballadores do mar.