congreso

BNG defende ante o Goberno do Estado a cesión ao Concello de Corcubión das antigas fábricas de salgadura en Quenxe

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado do BNG na cámara baixa urxe o Goberno a atender as peticións do Concello e proceder á cesión ou transferencia do inmóbel para a recuperación da zona

Néstor Rego reclama avanzar na rexeneración desta área e a súa posta en valor, recuperando o valor histórico e contribuíndo ao impulso e dinamización da economía

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para coñecer a disposición do Goberno do Estado para atender as peticións por parte do Concello de Corcubión e proceder á cesión ou transferencia das antigas fábricas de salgadura, situada na praia de Quenxe, propiedade da SAREB. A frente nacionalista, ademais, quere coñecer a situación actual da parcela e demanda o compromiso do Goberno para avanzar na rexeneración desta área e a súa posta en valor, así como a recuperación do valor histórico das dúas fábricas e contribuír ao impulso turístico e dinamización económica da vila de Corcubión.

“As ruínas das antigas fábricas de salgadura situadas á beira da praia de Quenxe, no concello de Corcubión necesitan dunha intervención e rehabilitación. Con esta restauración, recuperaríase unha construción singular do patrimonio material e inmaterial e converteríase ese espazo urbano -agora abandonado- nun lugar de lecer e entretemento para a veciñanza” sinala o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego, neste sentido, afirmou que esta actuación tamén serviría para mellorar o atractivo turístico e paisaxístico da zona e, con iso, reforzar a economía local.

De facto, non é a primeira vez que a organización nacionalista rexistra iniciativas no Congreso. Durante a pasada lexislatura, Néstor Rego demandou ao Goberno do Estado que a SAREB procedese a transferir ao Concello de Corcubión o inmóbel en que se achan as ruínas das antigas fábricas de salgadura. Lembra tamén o BNG que a fábricas asentouse nunha concesión sita en dominio público marítimo terrestre e que tería que ter revertido a mans do Concello unha vez rematada a actividade industrial, porén, despois da crise bancaria acabou en mans da SAREB, polo que, con máis razón, deben adoptarse as medidas precisas para que os terreos sexan cedidos gratuitamente.

Nunha resposta do Goberno por escrito á preguntas do BNG, febreiro de 2023, o executivo indicaba que mantivo “reunións co Concello para formalizar unha proposta consensuada de modificación de Normas Subsidiarias cuxo obxecto final, unha vez o aprobe o propio concello, sería a cesión da antiga fábricas para a rehabilitación urbanística cun encaixe de volumes e a potencial reactivación económica da zona”. O Goberno engadía que a SAREB seguía “traballando no proxecto co obxectivo de presentar o devandito plan o máis axiña posíbel”.

“Con todo, non se tiveron máis novas a este respecto nin consta que se realizasen avances na súa tramitación” lamenta o deputado do BNG. Precisamente, o actual alcalde de Corcubión -membro do BNG- ten solicitada unha reunión co Ministerio de Economía, Comercio e Empresa e, concretamente coa persoa que ostenta a Secretaría Xeral do Tesouro e Financiamento Internacional, para abordar esta cuestión e axilizar esta cesión mais aínda non tivo lugar.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG